lunes, 13 de mayo de 2013

200 CAMIÓNS PROTAGONIZAN A XIII FESTA EN HOMENAXE AO SECTOR DOS CAMIONEIROS

As incansables bocinas que podiamos escoitar polas rúas do pobo, dende ben cedo, xa nos avisaban de que non íamos vivir un sábado coma calquera outro. Que estabamos en xornada de festa e que, unha vez máis, As Pontes rendía homenaxe a aqueles que se gañan a vida nas estradas, pasando horas e horas lonxe da familia e facendo que as mercadorías cheguen ao seu destino na hora prevista. Tocaba recoñecer, un ano máis, a labor do colectivo dos transportistas e que, neste 2013, eran os grandes protagonistas da XIII Festa do Camioneiro. O Concello, a Asociación do Colectivo de Transportistas do Carbón a Asociación de Empresarios e Comerciantes de As Pontes e o Colectivo Transpuerto Ferrol – As Pontes volveron unirse para crear unha xornada de festa onde o mundo do camión foi o eixo central de exposicións, marchas e ata citas gastronómicas. De feito, dende ben cedo e como xa é habitual, os camioneiros e os seus inseparables medios de traballo se reuniron no barrio da Casilla para idear unha nova roita polas rúas máis céntricas do municipio e que, dende ben cedo, se deixou sobre todo escoitar grazas ao son continuo dos seus claxons que, deixaba ben claro que o sábado as estradas do pobo eran destes xigantes da estrada. A Casilla, a avenida de galicia e habana, a rúa celso emilio ferreiro ou a avenida de ortigueira integraron o percorrido destes 183 vehículos, entre os que puidemos atopar compañías coma Armacón, Canosa, Servizo Móbil, Gabeiras, Transportes Eume ou Hermanos Prieto e camioneiros vidos non só de As Pontes ou Ferrol senón tamén de Vilalba, Lugo ou Barallobre. Houbo quen ata se animou a decorar os seus vehículos con bandeirolas, globos e guirnaldas, quen acudía en masa e coa súa característica cor amarela coma referenza, tal foi o caso de Construccións Canosa, e ata vehículos do máis curiosos coma karts, minis, camións antigos e o coche do piloto de rallyes Álvaro muñiz, oque elevaron a cifra de participantes na marcha de ata os 200. Todo un espectáculo ante o que moitos quedaban abraiados e poucos eran os que non podían evitar o tomar algunha instantánea ata co seu teléfono móvil. Pero durante a mañá tamén foi posible desfrutar doutro tipo actividades e é que, na avenida de Ferrol e na da Coruña, se instalaron sendas exposicións de vehículos tanto novos coma clásicos, onde a maxestuosidade dun Limcoml ou dun Renault Alpine se mesturaba cos novos modelos da marca Seat ou Ford. Asemade, tamén houbo quen visitou a pequena exposición de karts ubicada na rúa Alexandre Bóveda ou quen se uniu á misa que tivo lugar na Praza de América, en honra a todos aqueles que xa non están pero que pasaron gran parte da súa vida detrás do volante e polas estradas de todo o país. Non podía faltar o xantar de confraternización no que se deron cita case 400 comensais e no que se contou con representación do executivo local co alcalde, Valentín González Formoso á cabeza e a concelleira de promoción Industrial, Montserrat García, ao seu carón e é que, o seu departamento foi un dos principais impulsores, un ano máis, desta homenaxe ao colectivo do transporte por estrada. Con eles Manuel Bouza, presidente do colectivo ACTC, e tamén eixo central da organización deste evento que, un ano máis foi todo un éxito, con cifras semellantes á de convocatorias anteriores, o que segundo subliñou o propio Bouza, é do máis positivo tendo en conta a situación actual que estamos a vivir. Xa á tarde, os pequenos puideron saltar e desfrutar cos inchables que se instalaron na Praza de América e para os que aínda tiñan máis ganas de coches, nada mellor que unha exhibición de vehículos de competición que ateigou a Avenida de Galicia e impresionantes maniobras de grandes expertos ao volante de karts e vehículos de rallye. Pola noite tocaba pechar a festa tal e como se merecía, ao son da música da orquestra Millenium, cunha verbena que non defraudou e que serviu para, unha vez máis, poñer o broche de ouro a unha nova e maís que merecida homenaxe ao sector do camión.

No hay comentarios:

Publicar un comentario