viernes, 31 de mayo de 2013

A CONCELLERÍA DE XUVENTUDE OFRECERÁ DOUS NOVOS CURSOS DE OPERADOR DE PONTE GRÚA E OPERADOR DE CARRETILLA ELEVADORA

O departamento municipal de Xuventude reeditará os cursos de operador de ponte grúa e operador de carretilla elevadora, que xa desenvolvía hai varias semanas nas dependencias da Casa Dopeso. No seu día tal foi a demanda que as 15 prazas ofertadas para cada unha destas actividades formativas quedaban escasas debido á gran cantidade de solicitudes presentadas para participar nestes cursos. Dende a concellería que dirixe Jesús Tembrás xa se anunciaba o pasado mes de abril a intención de repetir estas dúas actividades, ademáis de continuar a traballar na posible elaboración doutro tipo de cursos nun futuro. Así as cousas, dende o pasado mércores xa é posible anotarse para tomar parte nestes cursos e que se celebrarán os días 10 e 17 de xuño, con clases teóricas á mañá e xa prácticas pola tarde e que teñen como obxectivo: darlles a coñecer as normas de manipulación tanto dunha carretilla elevadora coma dunha ponte grúa co fin de mellorar a competitividade dos participantes á hora de acceder a un posto de traballo, e é que estes dous certificados están a ser moi demandados por parte das empresas da zona. Ámbolos dous obradoiros contarán con 8 horas de duración, entre teoría e práctica, que se desenvolverán na Casa Dopeso e en dúas empresas afincadas nos polígonos industriais da nosa vila. No tocante á inscrición, para anotarse nestes cursos será necesario ter entre 16 e 30 anos, non ter emprego e estar empadroado no concello de As Pontes. De feito para poder formar parte destes cursos que, novamente serán gratuítos, é preciso achegarse ata a Oficina Municipal de Información Xuvenil, ubicada no primeiro andar da Casa Dopeso, entre as 9.00 e as 14.00 horas, ata o venres da vindeira semana, e alí facer entrega da fotocopia do DNI, do certificado da situación administrativa actual e cubrir a pertinente ficha de inscrición. Novamente, de rexistrarse máis candidatos que prazas, realizarase unha selección do alumnado ao que se telefoneará para comunicarlle a súa participación nalgún dos dous cursos ofertados. Toda esta información pódese consultar mediante a páxina web municipal, no enderezo www.aspontes.com, telefonando ao 981 44 03 44 ou ben achegándose ata a Oficina Municipal de Información Xuvenil, da Casa Dopeso.

No hay comentarios:

Publicar un comentario