lunes, 20 de mayo de 2013

A disputa do campionato galego de vela na clase vaurient trouxo ata a nosa vila a competidores e afeccionados

Esta fin de semana tivemos un novo capítulo na estratexia de aposta polo desenvolvemento turístico que está a desenvolver o concello pontés. Desta volta volvía ser co lago como eixo e o deporte como elemento de atracción. A disputa do campionato galego de vela na clase vaurient trouxo ata a nosa vila a competidores e afeccionados, anque o tempo volveu ser unha rémora para que a afluencia fose o masiva que cabía agardar. Precisamente o público foi o grande damnificado dunha proba que mantivo tres días de intensa actividade no entorno da praia, baixo a organización do Clube de vela Fluvial de As Pontes. As condicións non eran as idóneas para presenciar unhas probas nas que o tempo concedeu só esporádicas treguas para poder seguilas. Si respostaron os afeccionados desprazados coa máis dunha vintea de equipos que estiveron competindo no lago, e puideron disfrutar do programa de actividades paralelo entre o que hai que salientar o percorrido turístico que se levou a cabo o sábado por lugares de interese do pobo, e cunha degustación final de productos típicos da vila. Perto dun cento de persoas participaron destas rutas. A disputa desta nova competición na que As Pontes exercía de anfitrioa volvía amosar o acerto da aposta polo sector turístico como motor económico de futuro, confiando na influencia do lago como unha importante fonte de riqueza para o pobo. Neste senso, dende o Concello segue a traballarse en impulsar novas actuacións con esta fin. A máis inminente será a I festa do lago, que para inaugurar o mes de xuño promove a Comisión de festas do Carme. Esta XIV regata Vila de As Pontes, que tamén servíu como campionato galego, bateu rexistros este ano de participación e nivel competitivo. Non era para menos coa ocasión da estrea do lago como campo de regatas, onde se deseñou un triángulo olímpico que permitíu ós 20 barcos desta modalidade de vela lixeira, que é a vaurient, navigar baixo os tres ventos. Desta vez, anque o tempo volveu non acompañar, non foi impedimento para que os barcos se botasen á auga, e, mesmo na xornada de onte houbo que suspender dúas mangas por falla de vento. No eido puramente deportivo hai que salientar a victoria dos actuais campións de España desta especialidade náutica que se desenvolve cun barco de tres velas e unha parella como tripulación. Pablo Cabello e Javier Lago, do Náutico de Vigo, proclamábanse onte campións galegos de vaurien, nunha disputada pugna manga a manga cos vixentes campións do mundo, os irmáns de Sanxenxo, Jaime e Alfonso Leirós. A terceira praza foi para David García e Antonio Pérez, que tamén se quedaron moi perto dos cuartos, Rubén Cristos e Ana Santiso, que dende Vigo confirmaban a supremacía dos clubes do sul. Alejandra Suárez e Pilar Amaro, tamén da cidade olívica, impúñanse na clasificación feminina, mentres que en xuvenís a victoria foi para Tirso Cerqueira e Mario Pérez. Canto ós nosos, José Guerreiro e Carla Martínez foron décimoprimeiros, e os debutantes Miguel Ferreiro e Luis Pita acabaron no decimosexto lugar.

No hay comentarios:

Publicar un comentario