lunes, 27 de mayo de 2013

BLINDAXE SPORT E COMPÁS TOPOGRAFÍA ÁLZANSE COS PREMIOS A MELLOR EMPRESA E MELLOR AUTÓNOMO NA SEGUNDA EDICIÓN DOS PREMIOS AS PONTES EMPRENDE

Compás Topografía e Blindaxe Sport alzábanse o pasado sábado co recoñecemento na categoría de empresas e autónomos nunha nova edición dos premios As Pontes Emprende, uns galardóns que entregou o departamento municipal de Promoción Industrial e o Instituto Pontés de Promoción Económica; na que foi a segunda edición destes premios e na que tamén participaron a asociación Seara, Aje Ferrolterra, a Asociación de Empresarios e Comerciantes de As Pontes e a Escola Europea de Negocios. Un total de 6 proxectos e 12 xa realidades foron os escollidos como finalistas para representar a cultura emprendedora local das diferentes propostas que este ano concorrían a este certame. De feito, ademáis de Compás Topografía, designada co premio ao Mellor Autónomo, e Blindaxe Sport recoñecida co premio á Mellor Empresa, tamén resultaban premiadas con sendos accesits a páxina web Lamariola.es e a empresa de construcción Maren SL. Asemade, tamén se outorgaban sendos premios a diferentes ideas emprendedoras: neste caso ao proxecto de almacén de materiais de construcción Marcos, ideada por Marcos Gómez, e ao coto turístico A lagoa de óscar Cabarcos. Dous proxectos que se sumaron a outros catro finalistas e cunha característica común: o estar realizados, a súa maioría, por xoves menores de 16 anos, todo un exemplo de que hai unha cultura emprendedora entre os máis novos, tal e como puntualizou a concelleira de Promoción Indsutrial, Montserrat García, que tamén explicou a relevancia de galas coma a celebrada o sábado e que axudan a recoñecer o gran papel dos empresarios locais á hora de impulsar As Pontes. Polo escenario dun repleto auditorio municipal Alovi tamén se pasaban o empresario e director da compañía electrónica galega Blusens, José Ramón García, que daba conta de cómo hai algo máis dunha década nacía a idea de crear aparatos electrónicos de consumo con marca galega co fin de competir con grandes multinacionais como Sony. Un proxecto que arrincaba con tan só 3000 euros en Compostela, e que agora conta con filiais por todo o mundo e que, tal e como subliñaba García, demostraba que para ser un xigante non é preciso producir en Tailandia ou nos Estados Unidos, senón apostar por un mercado global. Como segundo convidado da mañá, tamén se contou co actor Manuel Sanmartín, coñecido sobre todo polo seu papel na serie da TVG Libro de Familia. Un rapaz que arrincaba a súa vida laboral cun moi bo posto nunha entidade bancaria e que, con 30 anos, decidía facer as maletas e ir a estudar a Los Ángeles para alcanzar o seu soño de adicarse á interpretación. Asemade, durante a mañá, aqueles e aquelas que se pasaron polo Alovi puideron desfrutar dunha representación teatral da compañía Chévere, protagonizada por dous curiosos emprendedores e tamén da curtametraxe a Lenda do Lago que recollía a transformación da mina de as pontes pero vista dende os ollos dun avó e da súa neta. E non podía faltar, un ano máis, o recoñecemento a un dos empresarios locais con maior sona e experiencia de As Pontes, neste caso a Alfonso Formoso, ao que o propio alcalde de As Pontes se refería coma un exemplo dun empresario que comezou en As Pontes e que, a día de hoxe segue confiando no seu concello como eixo da súa actividade empresarial, formando parte dunha clase de xente que vía a súa empresa e traballadores coma unha auténtica familia. O propio Alfonso Formoso, na compaña da súa familia, tamén estivo presente nesta gala, como non podía ser doutro xeito, e recibía unha placa conmemorativa pola súa importante bagaxe empresarial. Cun forte e emocionado aplauso e cunha foto de grupo de premiados, participantes, homenaxeados e autoridades pechábase este segundo as pontes emprende.

No hay comentarios:

Publicar un comentario