jueves, 30 de mayo de 2013

O Concello organiza o I Día do Deporte na Rúa co fin de fomentar uns hábitos de vida saudables

• Unha vintena de clubes deportivos locais das máis diversas disciplinas participan nesta xornada na que tamén se celebra o peche do programa Ocio e Tempo Libre As Pontes, 30 de Maio de 2013.- O Concello de As Pontes, mediante os departamentos de Xuventude e Deportes, celebrará o sábado o Día do Deporte da Rúa, unha iniciativa coa que se busca non só fomentar hábitos deportivos saudables entre os máis pequenos, senón tamén celebrar, por todo o alto a clausura do programa Ocio e Tempo Libre, un programa de axuda á conciliación da vida laboral e familiar para as tardes de sábado e que contou co respaldo do departamento de Xuventude, que dirixe Jesús Tembrás. Así as cousas, para poñer un broche de ouro a este programa que, dende hai varios meses se estivo a desenvolver gratuitamente no colexio de Monte Caxado, contouse coa colaboura dos diferentes clubes deportivos locais que, durante todo o sábado, ofrecerán exhibicións e tamén actividades para a participación dos pequenos e pequenas, en todo o entorno da Canle IV. De feito xa ás 11.00 horas, trala inauguración, terá lugar un obradoiro de vela e outro de tiro con arco, que virán seguidos de exhibicións de Karate e Taekwondo (12.30 – 13.00 horas) e tamén unha actividade de bicicleta de montaña (13.30 horas). Xa á tarde, retomarase o programa de actividades dende as 16.30 horas con rugby, tenis, padel, ximnasia rítmica , xadrez ou atletismo e, asemade, haberá diferentes espazos adicados ao mundo do montañismo, do baloncesto, fútbol sala ou fútbol campo, actividades nas que poderán participar todos os nenos e nenas que así o desexen con tan só falar co monitor correspondente. Asemade, por tomar parte en tres modalidades deportivas cada pequeno recibirá unha camiseta como agasallo. De feito, durante a xornada contarase coa colaboura do Clube de Baloncesto As Pontes, Clube de Pádel As Pontes, Esteo FS, CD Endesa As Pontes, Clube Padel Eume Matojoma, Clube de Rugby Fendetestas, Clube de Vela Fluvial, Clube de Montaña o Caxado, Clube Ciclista Vilalba – As Pontes, Clube de Atletismo Olympo, Grupo Xuvenil de Piragüismo, Clube Renbukan, Clube de Tenis As Pontes, Clube Silex, Clube de Xadrez, Clube Galiorient, Clube Kick Boxing Frank e Clube de Ximnasia Rítmica As Pontes. A organización, ademáis do Concello, correrá a cargo do espazo infantil Picariños que tamén se encargará de animar a xornada con música e xogos. Celebración do Día Internacional do Medio Ambiente Dende o Concello de As Pontes, asemade pretenden conmemorar o Día Internacional do Medio Ambiente, que se celebra o vindeiro 5 de xuño, con esta xornada deportiva, facendo especial fincapé no uso da bicicleta como medio de transporte ecolóxico, económico, rápido e saudable. Así as cousas, durante este Día do Deporte sortearanse catro bicicletas entre os estudantes, dúas durante a mañá e outras dúas na sesión da tarde, vehículos doados polo propio executivo local xunto co clube Ciclista Vilalba – As Pontes.

No hay comentarios:

Publicar un comentario