martes, 14 de mayo de 2013

O lago de As Pontes alberga esta fin de semana o Campionato Galego de Vaurien

• Ao atractivo desta proba de vela sumaránse tamén actividades culturais e turísticas organizadas dende as concellerías de Cultura, Turismo e Deporte O lago de As Pontes volverá ser sé, esta fin de semana, dunha nova proba deportiva. Trátase do Campionato Galego de Vaurien e ao que se sumará a XIV Regata Vila de As Pontes. A proba, organizada polo Concello de As Pontes, conta coa implicación dos departamentos municipais de Deportes, Turismo e Cultura e é que estas tres collerías veñen de aunar esforzos para idear unha intensa programación, para todos os públicos, co fin de desfrutar tanto das regatas coma doutro tipo de actividades do máis variopintas. De feito, dende a concellería que dirixe Sara Ramos apostouse por un programa no que haberá dende lecturas dramatizadas en homenaxe a Roberto Vidal Bolaño ata música, coa celebración do Festival Pop Rock do Estudante Musicaula. Así para o xoves, a biblioteca municipal ofrecerá ás 20.30horas unha lectura dramatizada da obra Saxo Tenor, do homenaxeado este ano o Día das Letras Galegas, e que protagonizarán os integrantes do clube de lectura pero que será aberta a toda a veciñanza. O venres, día 17, dende as 17.00 horas tamén será posible desfrutar da celebración do Día das Letras Galegas no Liceo Recreativo e Artístico e que incluirá o recital de varios textos en galego e a actuación do grupo No Cómbaro. Asemade, nestes días tamén será posible desfrutar da exposición do IX Certame de Artesanía Antonio Fraguas, ubicada na sala do Mercado Vello, e que estará aberta en horario de 12.30 a 14.00 horas e de 19.00 a 20.30 horas gratuitamente. Xa o sábado, no patio do Colexio Santa María, terá lugar o Festival Pop Rock do Estudante Musicaula, dende as 17.00 horas e no que participarán grupos de diferentes centros educativos de todo o país co fin de pasar á fase final. Por outra banda, dende o departamento de Turismo, que dirixe Ana Pena, optouse por volver ofertar as roitas turísticas por As Pontes que se inaguraban o pasado mes de abril con motivo da Copa de España de Maratón de Piragüismo. Serán percorridos gratuítos semellantes aos xa realizados o pasado mes de abril, con saída dende a Praza da Lembranza (A Casilla) e un paseo tanto en autocar coma a pé por zonas de As Pontes coma o enclave enerxético de Endesa ou xa o barrio da Vila ou a Fraga, con explicacións dun guía especializado na materia e unha parada no camiño para desfrutar das tan saborosas manteigadas locais. No tocante á proba deportiva, ésta conta coa organización do Clube de Vela Fluvial As Pontes e na mesma participarán regatistas galegos, vascos e extremeños. No que respecta aos horarios da competición, o venres a primeira manga dará comezo ás 14.30 horas, a segunda arrincará ás 16.00 horas e a terceira ás 17.30 horas. Xa o sábado, a cuarta manga arrincará ás 14.00 horas, a quinta ás 15.30 horas e a sexta ás 17.00 horas e o domingo teremos competición dende as 11.30 horas, 13.00 horas e 14.30 horas, ao que se sumará a entrega de premios, programada para as 17.00 horas.

No hay comentarios:

Publicar un comentario