viernes, 14 de junio de 2013

O CONCELLO ABRE O PRAZO PARA A SOLICITUDE DE PERMISOS PARA AS FOGUEIRAS DE SAN XOÁN 

Achégase a noite máis curta do ano, o 23 de xuño, a véspera de San Xoán. E como manda a tradición esta festividade celébrase saltando as tan típicas cacharelas e comendo a sardiñada que adoita acompañar. Por iso o Concello de As Pontes, mediante o departamento de Participación Cidadá, publica, como vén facendo dende hai moitos anos, unha serie de normas que deberán cumprir todas as persoas ou agrupacións que fagan unha fogueira durante o mes de xuño. Antes deberán solicitar autorización ao Concello para poder facer o seu foleón. O prazo está aberto ata as dúas da tarde do vindeiro sábado 22 de xuño. As solicitudes deberán presentarse no Rexistro Xeral do Concello. Se estás pensando facer a túa propia lumieira, as indicacións e normas do Concello son as seguintes. Primeiramente, todas as persoas, organizacións ou comunidades que desexen realizar unha fogueira na noite de San Xoán deberán presentar a solicitude correspondente no rexistro do Concello sinalando o lugar elixido, así como os datos co DNI, nome, enderezo e teléfono dos responsables da organización ou comunidade, encargados de coidar os arredores da zona onde se faga o lume. No tocante aos lugares públicos tan só será posible realizar a cacharela no entorno da Canle IV, estando totalmente prohibido realizar calquer tipo de fogueira na zona do lago. Unha vez escollido o lugar da cacharela, éste deberá ser indicado nun plano de situación, agás se se trata dunha zona privada. Unha vez obtido o permiso, os responsables da fogueira están na obriga de seguir as normas que publica o Concello. Unha delas refírese á cantidade de combustible que se poderá utilizar. A dimensión da fogueira está limitada e o volume de combustible non pode pasar dos oito metros de perímetro nin dos tres de altura. Por outra banda, o Concello prohibe queimar neumáticos, plásticos, escumas de poliuretano, aceite e, en xeral, calquera substancia que ao arder desprenda fume tóxico. En ningún caso se poderán botar ao lume recipientes que conteñan líquidos inflamables ou gases a presión. Os coidados non rematan cando se apaga a fogueira. As cinzas deben quedar totalmente apagadas e o lugar debe quedar como estaba antes de que comezara a festa ao redor do lume nun prazo máximo de 48 horas. Na noite do domingo en que se celebra o San Xoán a Policía local e outros corpos de seguridade vixiarán o cumprimento destas normas, así como se pasarán tamén a revisar a súa preparación previamente.

No hay comentarios:

Publicar un comentario