miércoles, 5 de junio de 2013

OS CAMPAMENTOS URBANOS DE VERÁN REGRESAN COMO SAÍDA Á CONCILIACIÓN DA VIDA FAMILIAR E VERÁN DURANTE O PERÍODO ESTIVAL

Achéganse as vacacións do verán e para moitos pais e nais comeza a tradicional preocupación de con quen deixar aos seus pequenos namentras eles deben atender ás súas obrigas laborais. Pois para ofrecer unha solución a estas familias, un ano máis, a concellería de Servizos Sociais e o Centro de Información á Muller volverán abrir ous seus Campamentos de Verán, dende este mesmo mes de xuño e ata mediados de setembro. Novamente, o colexio da Magdalena albergará estes obradoiros lúdico-educativos que arrincarán o 25 de xuño e que se dividirán en catro quendas: do 25 ao 30 de xuño, o mes de xullo, o mes de agosto e, finalmente, do 1 de setembro ata o día anterior ao inicio dun novo curso escolar. No tocante aos horarios, os que decidan participar neste programa poderán ou ben entrar ás 8.00 horas coa opción do almorzo e compartir xogos e actividades con monitores e campistas ata as 14.30 horas ou ben xa almorzar na casa, entrar ás 10.00 horas e saír contra das 14.30 horas. Para este verán, está previsto que en cada quenda se habiliten 65 prazas e 5 máis para nenos e nenas con necesidades educativas especiais, das que poderán desfrutar pequenos con idades comprendidas entre os 4 e os 12 anos, e que poderán realizar manualidades, xogos tradicionais, deportes, xogos de animación e múltiples e divertidas opcións para pasar a mañá. No que respecta aos prezos de inscrición, os meses de xuño e setembro terán un prezo de 10 euros namentras que xullo e agosto terán un custo de 40 euros coas habituais rebaixas para familias numerosas ou para aquelas que anoten a estes campamentos a máis dun fillo. Para poder anotarse é preciso cubrir o boletín de inscrición que xa se pode descargar dende a páxina web municipal, no enderezo www.aspontes.com, ou ben recoller na concellería de Servizos Sociais. Asemade, tamén é necesario entregar a fotocopia do Libro de Familia, o certificado de empresa conforme se está a traballar e non en período de vacacións, certificado da entidade se se está a participar nalgún curso formativo, declaración xurada de estar a traballar no servizo doméstico, informes de saúde e o informe da traballadora social dos Servizos Sociais que acrediten situación de dependencia dalgún familiar, de darse o caso, e é que, de darse unha maior solicitude que prazas vacantes será necesario realizar un proceso de selección. O prazo de inscrición que xa está aberto pecharase o vindeiro día 17 sendo preciso achegar toda a documentación requerida ata o departamento de Servizos Sociais, ubicado no segundo andar da Casa Dopeso.

No hay comentarios:

Publicar un comentario