

O motivo desta recepción foi a de trasladarlle a demanda que se defende dende o goberno local dunha flexibilización dos prazos que teñen que cumprir as eléctricas para observar a directiva europea sobre emisións industriais.
En aras ó cumprimento desta nova normativa, as térmicas, como é o caso da de As Pontes, deben decidir antes de fin de ano se van executar os investimentos a levar a cabo a partir de 2016, ou se pola contra, optan por non realizar as reformas, o que só lles permitiría funcionar 17.500 horas máis pero despois terían que pechar.
A lóxica inquedanza xenerada en As Pontes e en toda a bisbarra, onde o impacto directo afectaría a miles de familias fixo que dende a alcaldía que ostenta Valentín González, se estea a desenvolver a promoción dun diálogo aberto con todas as partes para atopar a mellor alternativa ó problema que supón a aplicación nestes termos desta directiva.
Explicábaselle a situación actual ó Eurodeputado socialista nun encontro co propio Valentín González e a Concelleira de Industria Montserrat García, salientando que se trata dunha pranta que xa entre 2007 e 2008 adaptou as súas instalacións a unha normativa previa, asumindo unha inversión de case 300 millóns de euros.
O establecer agora novos parámetros de emisión en tan curto espazo de tempo, pon en risco a continuidade da actividade, polo que dende o Concello estase a chamar a todas as portas para acadar os apoios na solicitude dunha moratoria na aplicación.
Antolín Sánchez entendía que non habería lugar a tantas urxencias cando as diferencias neste caso son mínimas, e poden existir precedentes coma o inglés, onde se ten concedido un aprazamento.
Deste xeito ofreceuse a levar esta reclamación a Bruxelas, e actuar como mediador das demandas do goberno local pontés, que segue a sumar apoios logo de ter engadido á causa a todas as poboacións que se ven nesta disxuntiva e asegurar o respaldo de todo o tecido asociativo local, así como trasladar a preocupación ás administracións provincial, autonómica e estatal.
Concretou tamén o compromiso de xestionar unha reunión en Bruxelas para que dende o propio Concello se explique como afectaría a aplicación desta norma á nosa vila.
"Quedábanos levar esta reivindicación, que é a dun pobo que non quere que xoguen co seu futuro, a Europa. Coa presenza hoxe de Presedo incidimos unha vez máis na importancia que ten que se acade postergar o máximo posible a comunicación que deben facer as empresas ao Ministerio de Industria. Non discutimos a necesidade de adoptar todos os mecanismos destinados a diminuír os efectos contaminantes pero si pedimos que no contexto actual de reaxuste e problemática no sector enerxético as empresas teñan, cando menos, máis tempo para decidir".
Valentín González e Montserrat García acompañaban logo ó eurodeputado do PSOE a visitar a pranta térmica de Endesa, onde puido coñecer de primeira man a magnitude desta factoría e onde se lle deron as explicacións pertinentes da situación á que se ven abocados.
Para adaptarse á nova directiva europea sobre emisións e prolongar así a súa actividade Endesa deberá investir en As Pontes 300 millóns de euros nos catro grupos cos que conta a central para reducir emisións de xofre, partículas e gases nitrosos, e seguir funcionando baixo os novos parámetros de legalidade ambiental.
Esta decisión débese tomar tomar antes do 31 de decembro, coa única opción de levar a cabo estas inversións millonarias ou pechar a pranta ó redor do 2020.
Non semella o intre máis idóneo co contexto de crise económica e de caída da demanda enerxética, o que aumenta a incertidume que levou ao Concello a poñerse á fronte das demandas que aspiran a garantir o futuro de endesa en As Pontes, no que a reunión de onte é un paso máis neste obxectivo.
No hay comentarios:
Publicar un comentario