viernes, 13 de diciembre de 2013

As Pontes ofrecerá este Nadal un programa de actividades ateigado de música, teatro, cine e convocatorias para pequenos e grandes

O departamento municipal de Cultura apostou por actuacións tradicionais coma Mamá Cabra ou títeres Trompicallo para un Nadal no que As Pontes será todo un referente de diversión entre os concellos da contorna As Pontes, 13 de Decembro de 2013.- O departamento de Cultura do Concello de As Pontes inaugurá esta mesma tarde a programación para este Nadal, un listado de actividades nos que principalmente os máis pequenos da casa serán os reis e raíñas da maioría das iniciativas deseñadas pola concellería que dirixe Sara Ramos. As Pontes contará cun amplo e moi variado programa de actividades no que haberá monicreques, concertos, exhibicións deportivas, teatro, cine, hinchables e, por suposto, a tradicional visita dos Reis Magos de Oriente. Todo un abano de posibilidades lúdicas que farán que o “ o noso municipio non teña nada que envexar á programación cultural doutros concellos da contorna ”, tal e como apuntou a edil Sara Ramos. Precisamente, hoxe, ás 17.00 horas terá lugar a primeira das actividades para os máis pequenos: a decoración da sala de lectura infantil da biblioteca Enrique Rivera Rouco, á que seguirá, o domingo o primeiro dos múltiples concertos que ateigarán o Nadal pontés. Así, ás 13.00 horas, na Casa Dopeso, as Cantareiras de Alende, a Agrupación Coral Endesa – As Pontes e a Coral Eixil (Cedeira) ofrecerán un concerto de panxoliñas que será de entrada totalmente libre. A programación da vindeira semana virá ateigada tamén de música e é que para o día 18 celebrarase o tradicional Concerto de Nadal dos alumnos da Escola Municipal de Acordeón, unha cita que terá como escenario o Fogar da Terceira Idade (Avd. De Ferrol), con entrada gratuíta, e que arrincará ás 19.00 horas. Xa un día despois, o 19 de decembro, e no Auditorio Municipal Alovi, a Banda do Conservatorio de As Pontes e alumnos de linguaxe musical ofrecerán un concerto dende as 19.00 horas. para esa mesma tarde, pero ás 18.00 horas e no polideportivo municipal da Fraga, o clube Rítmica As Pontes e as alumnas da Escola Deportiva Municipal de Ximnasia Rítmica protagonizarán o seu tradicional Festival de Nadal, no que ao ritmo das panxoliñas máis coñecidas estas ximnástas darán conta aos presentes dunhas elaboradas coreografías con mazas, pelotas, cintas e aros. A Rondalla Vila de As Pontes tamén se sumará a estas festas cun concerto, o 20 de decembro, no que contarán coa compaña dos alumnos do Conservatorio de Música de As Pontes ( 20.00 horas - Casa Dopeso). O seu relevo será para a cantautora galega Sés que, o día 21, no Auditorio Municipal Alovi (20.00 horas) ofrecerá un concerto no que presentará as súas últimas composicións. Pechará a programación da vindeira semana o teatro da compañía Caramuxo que traerá ata As Pontes a súa montaxe Ñán, dirixida a bebés (13.30 e 18.30 horas – Auditorio Municipal Alovi). O grupo Mamá Cabrá será o encargado de inaugurar a semana de Nadal cun concerto o día 23, no auditorio municipal Alovi, dende as 18.00 horas e xa, tralo 25 de decembro, arrincará a programación cinematográfica no que, dende a concellería que dirixe Sara Ramos, se optou por unha oferta dirixida a públicos de todas as idades. Así para o 26 de decembro proxectarase El llanero solitario ( 20.30 horas – Auditorio Municipal Alovi), namentras que para o 30 de decembro está programado o filme de animación Monstruos University (18.00 horas - Auditorio Municipal Alovi) e tamén a última producción de Luc Besson: Malavita ( 20.30 horas - Auditorio Municipal Alovi). Xa en xaneiro, os días 2 e 3, proxectaranse os filmes Thor, o mundo escuro e Lobezno, Inmortal (20.30 horas - Auditorio Municipal Alovi). Unha das principais novidades da programación de Nadal 2013 virá protagonizada polo grupo Broken Peach que o 28 de decembro (20.00 horas - Auditorio Municipal Alovi) ofrecerá un concerto de Nadal no que as panxoliñas máis populares serán o eixo dun espectáculo que será todo un éxito de público. A este concerto sumarase a actuación a Escola Municipal de Baile Moderno en Narón (27 de decembro – Pazo da Cultura de Narón) que representará o musical Cine. Por suposto non faltará a III edición da San Silvestre Pontesa, con probas de velocidade para todas as idades, unha andaina popular e unha carreira absoluta de 5 quilómetros polas rúas do casco urbano. Para comezar o ano con bo pé, o 2 de xaneiro, no polideportivo municipal da Fraga instalaranse diferentes hinchables gratuítos para nenos e nenas de todas as idades, dende as 16.00 horas. Unha das apostas máis fortes da concellería de Cultura para este Nadal será o teatro infantil xa que, ademáis de Caramuxo, tamén visitará As Pontes a compañía Títeres Trompicallo. Así, o 3 de xaneiro terán dobre sesión coas representacións de O Día que Chegou unha nube e Choveu, na Escola Infantil A Barosa ás 11.00 horas, e xa á tarde ás 18.00 horas e na Casa Dopeso, coa obra Osiño, dirixida a todos os públicos. Non podía faltar a visita dos Reis Magos a As Pontes, o 5 de xaneiro ás 17.30 horas, e que contará cun percorrido polas rúas máis céntricas do casco urbano con punto e final no Salón de Plenos da Casa Consistorial, onde as súas Maxestades de Oriente recibirán aos nenos e nenas pontesas.

No hay comentarios:

Publicar un comentario