jueves, 12 de diciembre de 2013

Mundoxogo abrirá a súas portas o vindeiro día 23 na sala do Mercado Vello

Actividades para nenos e nenas dende os 2 anos, competicións de videoxogos ou foamball e ata obradoiros de arxila e cociña integran a programación que incluirá esta nova edición de Mundoxogo O Concello de As Pontes reforzará a programación infantil para este Nadal cunha nova edición de Mundoxogo. E é que dende a concellería de Xuventude, que dirixe Jesús Tembrás, volvíanse atender as suxerencias e peticións de pequenos e tamén de pais e nais á hora de reeditar un programa de actividades infantís que, nas súas edicións anteriores, tan só colleitou éxitos de participación. Dende o vindeiro día 23 de decembro e ata o 6 de xaneiro, nas dependencias do Mercado Vello, Mundoxogo volverá ofrecer unha ampla diversidade de actividades, obradoiros, xogos e competicións de videoxogos, aptas para todas as idades e é que, tal e como subliñou o concelleiro Jesús Tembrás, para este Nadal ata os máis pequenos contarán co seu espazo de diversión. De feito, habilitarase unha zona de xogos para meniños de 2 e 3 anos. O edil de Xuventude tamén deu conta doutras novidades que integrarán o programa de Mundoxogo coma unha zona de foamball, obradoiros de arxila e a visita dun rei mago que recollerá as cartas e peticións dos máis pequenos. Asemade, tamén está previsto que se instale unha fermosa árbore de Nadal, ateigada de agasallos para os gañadores das diferentes competicións que se realizarán durante estes días. Non faltarán as actividades xa tradicionais coma as mesas de hockey, billar, futbolín, os crebacabezas e os videoxogos, os xogos de cartas e os obradoiros de cociña e manualidades que se desenvolverán a diario, polas tardes. Mundoxogo abrirá en horario de mañá, entre as 10.30 e as 13.30 horas, e xa ás tardes entre as 16.30 e as 20.30 horas, e contará coa dirección de monitores especializados. Dende o 23 de decembro Mundoxogo tomará as mañás e as tardes dos nenos e nenas tanto de As Pontes coma dos concellos da contorna, e incluso dos seus pais e nais e é que o propio edil de Xuventude convidaba a grandes e pequenos a desfrutar deste programa de ocio. Mundoxogo permanecerá aberto todos os días entre o luns 23 e ata o 6 de xaneiro e para participar nas súas múltiples ofertas de ocio tan só é necesario ter ganas de pasalo ben xa que a participación nas diferentes actividades que ofrece é totalmente gratuíta.

No hay comentarios:

Publicar un comentario