jueves, 19 de diciembre de 2013

Música infantil e para adultos e teatro para os máis pequenos protagonizan a axenda cultural de Nadal da fin de semana

A cantautora Sés, o grupo infantil Mamá Cabra e a compañía Caramuxo Teatro visitarán dende mañá e ata o luns o auditorio municipal Alovi As Pontes, 19 de Decembro de 2013.- A cantautora coruñesa María Xosé Silvar, máis coñecida coma Sés, visitará este sábado As Pontes, ao abeiro da programación de Nadal ideada dende a Concellería de Cultura. Sés presentará en As Pontes o seu segundo traballo discográfico Co xenio destrozado, gravado nos estudos Bruar ( A Coruña) e que se traducen nunha mestura de música rock, blues e ritmos latinos moi que son o eixo central da ducia de cancións que integran este traballo que vía a luz o pasado mes de xuño, e no que ademáis da producción da propia Sés coa axuda de Xavier Ferreiro, a cantante coruñesa contou coa colaboura dos seus músicos habituais: Marcos Pazo (batería), Fran Sanz (baixo) e Tito Calviño (guitarra). Milonga daquí, Rebelarse á Conciencia ou Concordias de Papel serán algúns dos temas que será posible escoitar o sábado no Auditorio Municipal Alovi, cancións ás que tamén se sumarán composicións do seu primeiro traballo discográfico Admirando a condición. Sés actuará en As Pontes ás 20.00 horas e as localidades para asistir a este concerto poderanse recoller mañá, entre as 12.00 e as 13.30 horas na billeteira do Auditorio Municipal Alovi e tamén o sábado, entre as 12.00 e as 13.30 horas ou xa dende as 18.30 horas ata o inicio do concerto. O prezo das localidades é de 3,50 euros. Teatro Infantil A fin de semana tamén incluirá actividades para os máis pequenos, así o domingo, a compañía Caramuxo Teatro presentará tamén no Alovi a súa obra Ñan, dirixida a pequenos e pequenas de entre 1 e 6 anos. A compañía coruñesa repite así visita ao concello de As Pontes cunha montaxe que toma o relevo de Glub, glub e Zapatos, dous espectáculos tamén dirixidos a bebés. Nesta ocasión, Ñam! Pretende dar a coñecer aos meniños e meniñas o pracer que supón o comer cunha montaxe duns 30 minutos baseada na comedia, a danza e, por suposto, a interpretación. O mundo da cociña é o eixo central desta historia dirixida a que os pequenos aprendan a escoitar, ulir, sentir e saborear os alimentos en familia e que conta con Juan Rodríguez e Laura Sarasola coma protagonistas e tamén directores da montaxe. Ñam! Representarase o domingo, no Auditorio Municipal Alovi, en dous pases: ás 17.30 e ás 18.30 horas. As localidades páranse á venda o mesmo domingo, dende as 16.00 horas, e terán un prezo de 1,50 euros para nenos e de 3 euros para adultos. Mamá Cabra Denantes da Noiteboa, o luns 23, ata As Pontes tamén se trasladará o grupo infantil Mamá Cabra, con eles coma sempre as cancións máis desenfadadas e divertidas posibles, nesta ocasión, incluídas no traballo Bicos de Música, publicado o pasado 2012. Gloria, Pablo, Manolo, Diego, Rodrigo e Tomi volverán visitar As Pontes, un Nadal máis, co fin de volver colleitar un novo éxito de público nun concerto que arrincará ás 18.00 horas, do vindeiro luns, e que será todo un espectáculo moi participativo onde os protagonistas serán os seus xoves admiradores. Letras do máis sinxelas, ritmos moi pegadizos, xogos, retrousos e acompañamentos rítmicos integrarán un espectáculo no que será posible escoitar dende cancións para viaxar ata para cruzar a rúa, para bailar ou simplemente para escoitar e aprender. Mamá Cabra estará no auditorio municipal Alovi o luns ás 18.00 horas. As entradas xa se porán á venda o propio luns, entre as 12.00 e as 13.30 horas e xa á tarde dende as 16.30 horas ata o inicio do espectáculo. O prezo das localidades será de 1,50 euros para nenos e de 3 euros para o público adulto.

No hay comentarios:

Publicar un comentario