martes, 10 de diciembre de 2013

O teatro, a música e o cine álzanse co protagonismo das festas de Nadal en As Pontes

O alumeado de Nadal xa se atopa pendurado polas rúas, os escaparates dos comercios locais presentan as súas mellores cores e decoracións e, por suposto, de seguro que xa hai quen ten a súa árbore ben engalanada. E é que estamos case en plenas festas navideñas e o espírito destas datas respírase xa no ambiente. En poucos días estaremos inmersos nos festexos máis entrañables do ano e, para desfrutar destes días, unha vez máis dende o departamento municipal de Cultura idearon un programa de actividades que non deixará indiferente a ninguén. Música, teatro, exposicións, actividades infantís, cine e por suposto a tradicional visita dos Reis Magos o vindeiro 5 de xaneiro farán as delicias de grandes e pequenos, grazas a un gran calendario de actividades que intentan chegar a todo tipo de idades, aínda que son os máis novos da casa os principais protagonistas. E é que nada mellor que apostar por As Pontes para desfrutar destas festas tan entrañables xa que, tal e como defenderon dende a concellería de Cultura, o noso municipio non ten nada que envexar á programación cultural que podemos atopar noutros concellos da contorna. Este mesmo venres ás 17.00 horas, a sala infantil da Biblioteca Enrique Rivera Rouco volverá ser o punto de partida destes festexos, coa tradicional xornada de decoración de Nadal na que poderán participar todos os pequenos e pequenas que así o desexen cos seus debuxos e manualidades. Nembargantes, tamén nos vindeiros días teremos concertos coma o da Rondalla Vila de As Pontes, o certame anual de panxoliñas de Alende e a Coral Endesa As Pontes ou os recitais dos alumnos do Conservatorio; convocatorias ás que se unirán tamén sorpresas coma o concerto da cantante galega Sés o vindeiro día 21, a visita de Mamá Cabra ou o recital das viguesas Broken Peach, toda unha novidade para a xornada do 28 de decembro. Os máis pequenos tamén poderán desfrutar do teatro infantil con diferentes montaxes de monicreques a cargo das compañías Caramuxo ou Trompicallo e por suposto do cine, con propostas do máis novidosas coma Monstruos University, El llanero solitario, Malavita ou Lobezno, inmortal; aínda que unha das citas máis populares volverá ser a Cabalgata de Reis, na que un ano máis se contará coa axuda da coordinadora de Ampas Abrente. Agora tan só queda ir anotando na nosa axenda esta entretida programación de Nadal que teremos ben preto, con tan só saír ás nosas rúas.

No hay comentarios:

Publicar un comentario