jueves, 23 de enero de 2014

Ábrese o prazo para que as entidades veciñais se sumen a unha nova edición de Vellez Activa

O departamento municipal de Servizos Sociais ven de abrir o prazo para sumarse a unha nova edición dos obradoiros de envellecemento activo. Así, as entidades veciñais que o desexen poderán anotarse co fin de que o seu colectivo acolla un dos oito curso que, ata o mes de abril, serán desenvolvidos gratuitamente por monitores especializados. Para esta campaña, dende a concellería que dirixe José Alén apostouse pola reedición de dous clásicos: os talleres de adestramento da memoria e os adicados á risoterapia. De feito, para os vindeiros meses está previsto que se desenvolvan catro obradoiros de cada unha destas modalidades noutros tantos colectivos veciñais. As clases estarán dirixidas a maiores de 55 anos e contarán cunha sesión semanal, dando comezo o 10 de febreiro para rematar o 4 de abril. Os colectivos interesados en acoller estas actividades terán ata o 4 do vindeiro mes para presentarse nas dependencias da concellería de Servizos Sociais, no segundo andar da Casa Dopeso, e alí tramitar a pertinente solicitude. Asemade, os veciños a título persoal que desexen asistir a estes obradoiros tamén poderán dar conta da súa interese acudindo ao departamento municipal de servizos sociais, onde tomarán nota dos seus datos para, posteriormente, ubicar ao solicitante nun dos cursos ofertados. Para obter máis información sobre este programa tamén é posible contactar coa concellería de Servizos Sociais, no 981 44 10 08, ou ben achegarse ata as súas oficinas de luns a venres, en horario de 8.00 a 15.00 horas.

No hay comentarios:

Publicar un comentario