miércoles, 15 de enero de 2014

As Pontes estuda a rúbrica dun convenio de colaboración coa Asociación Parkinson Ferrol

O Concello de As Pontes está a estudar a posible sinatura dun acordo de colaboración anual coa Asociación Parkinson Ferrol Onte mesmo, integrantes da xunta directiva deste colectivo co seu presidente Gerardo González á fronte, mantiveron un encontro co alcalde de As Pontes, Valentín González Formoso, e o edil de Servizos Sociais, José Alén, aos que lle presentaron esta opción debido á situación agónica a nivel económico, que está a atravesar esta entidade, ante a falla de axudas por parte do goberno autonómico. Esta reunión formou parte dunha rolda de contactos que, nestes días, están a manter os integrantes de Parkinson Ferrol cos diferentes concellos da comarca de Ferrolterra que contan con algún veciño membro deste colectivo. De feito, dos 87 asociados desta entidade, tres son veciños de As Pontes, aos que se suman tamén veciños doutros municipios da zona coma Narón, Ferrol, Mugardos, Ares ou Fene. O executivo local non só estudará a opción de entablar un acordo de colaboura con este colectivo, senón tamén o poder desenvolver algunha iniciativa solidaria, a nivel deportivo ou cultural, que teña como fin recadar fondos para esta asociación sen ánimo de lucro. E é que, tal e como explicou neste encontro Gerardo González, o recorte en axudas por parte das administracións deu lugar a que, a principios de ano, fose necesario non só subir as cotas dos socios dos 80 aos 110 euros, senón tamén incrementar o prezo dos servizos que se prestan neste colectivo e que van dende as sesións de fisioterapia, ás masaxes, a atención psicolóxica ou a rehabilitación cognitiva. Deste xeito, o que se busca dende a Asociación de Parkinson Ferrol é poder facer fronte ás nóminas do persoal do centro algúns meses máis ata que se logren novas axudas e subvencións que permitan a continuidade desta entidade. Dende o executivo local, amosouse o compromiso de estudar o caso que afecta a esta entidade ferrolá e a posible sinatura dun convenio de colaboura que suporía un desembolso duns 1000 euros anuais, dirixidos a sustentar esta asociación que da asistencia a unhas 90 das 700 persoas enfermas de Parkinson da comarca de Ferrolterra.

No hay comentarios:

Publicar un comentario