domingo, 5 de enero de 2014

Melchor, Gaspar e Baltasar acudiron onte á súa cita anual cos residentes do Centro A Magdalena

Denantes de pasear polas rúas de As Pontes e de compartir tempo cos máis pequenos, Melchor, Gaspar e Baltasar cumpriron coa súa tradicional visita aos residentes do complexo A Magdalena. Xunto cos edís de Servizos Sociais, Cultura e Persoal, as Súas Maxestades compartiron pequenas conversas e desexos cos residentes deste centro aos que felicitaron as festas e cos que incluso tomaron unha saborosa copa de sidra, con brinde incluído. Como non podía ser doutro xeito, os Reis sempre veñen ateigados de agasallos, nesta ocasión, en forma de doces e de bolas antiestrés que repartiron entre todos os presentes. Asemade, houbo tempo tamén para botar algunha que outra peza e é que unha das residentes da Magdalena deleitou a compañeiros, amigos e visitantes con varias cancións da súa época. Por suposto, os máis maiores tamén quixeron entregar en forma de carta, os seus mellores desexos a Melchor, Gaspar e Baltasar, desexos aos as súas maxestades tamén tiveron tempo de contestar, unhas misivas nas que o desexo dunha boa saúde e de felicidade para todos os ponteses e pontesas foron a tónica dominante. O vindeiro ano e cumprindo coa súa xa tradición, Melchor, Gaspar e Baltasar regresarán a este complexo compartir novos desexos cos seus residentes e, por suposto, un cachiño dun novo Nadal.

No hay comentarios:

Publicar un comentario