jueves, 2 de enero de 2014

Melina Alonso e Brais Canosa proclámanse campións da III San Silvestre Pontesa

O despedir o ano facendo deporte está xa a converterse en toda unha tradición no noso concello e é que, ao igual que acontece en cidades coma Madrid ou Santiago de Compostela, As Pontes é xa todo un referente no calendario de citas deportivas que serven para dicir adeus a un ano que remata. Así, por terceiro ano consecutivo, as rúas do centro urbano volvían estar poboadas de personaxes do máis variopintos que non se quixeron perder a carreira por excelencia da fin do ano: a San Silvestre Pontesa. O clube de atletismo Olympo, xunto co Concello de As Pontes, e multitude de patrocinadores locais volvíase poñer á fronte da organización dunha proba que tivo como epicentro o colexio de Santa María e as súas rúas colindantes e na que se reuniron case 500 persoas para tomar parte nas diferentes carreiras organizadas durante a tarde e tamén nunha andaina popular que, novamente, contou cunha alta participación. Orixinalidade, ganas de desfrutar dunha fin de ano inusual e sobre todo moita diversión foron os ingredientes dunha cita deportiva na que a forma física foi o de menos e onde as ideas inxeniosas á hora de escoller indumentaria para percorrer os diferentes traxectos eran o punto clave. Así, pequenos e adultos sacaron ás rúas pontesas a súa imaxinación traducida en traxes do máis variopinto e onde puidemos atopar dende a Freddy Mercuri, ata Papás Noeis xunto cos seus respectivos renos, ovellas cos seus pastores, o mesmísimo Luís Bárcenas fuxido do cárcere de Soto del Real, á Pitufina sen os seus pitufos, superheróes, abelliñas e ata unha macrovoda. De feito, houbo premios non só para os máis veloces de cada categoría senón tamén para os mellores disfraces e que recaían en Gonzalo Pena Balseiro cun logrado Fredy Mercuri, as burbulliñas de Freixenet de Vanesa Prieto e Tania Fornos, na categoría de parellas, e finalmente no equipo de ovellas e pastores de Elena López, Belén Dopico e Isabel Vázquez. Ademáis dos mellor ataviados para esta cita, non podían faltar os galardóns para os máis rápidos. Así, na categoría benxamín, os primeiros postos foron para Aloia Murado e Adrián Rivadulla, namentras que en alevíns, os máis veloces nas súas respectivas carreiras resultaron ser Hugo Blanco e África Morales. A carreira infantil saldábase coas victorias de Azdin Jeddaoui e Andrea Montero e na categoría cadete impuxéronse Antonio Souto e Soraya Hernández. Co remate das probras infantís era o momento de dar comezo á competición adulta cun percorrido duns cinco quilómetros a un circuíto que partía da rúa Alexandre Bóveda para atravesar os xardíns do Campo da Feira, a Canle IV, a Avenida de Galicia e finalmente a Avenida da Coruña, ao que se sumaron tamén os inscritos na terceira edición da andaina popular . Pouco máis dun cuarto de hora foi o tempo empregado polo gañador desta terceira san silvestre pontesa: Brais Canosa Fernández, que lograba arrebatarlle o título ao vencedor do pasado ano Rodolfo Somovilla e que entraba en meta a tan só 6 segundos do primeiro clasificado. Completou o podium na categoría absoluta masculina Óscar Tolosa, do Clube Atletismo Pitius. No tocante aos ponteses, o primeiro en cruzar a meta foi Xosé Manuel Meizoso que entrou sexto con case 18 minutos de carreira, seguido de David Castro que empregou 18 minutos e 6 segundos en realizar estes cinco quilómetros. As rapazas tamén lograban moi bos rexistros este ano. Así, Melina Alonso estreaba o podium feminino cunha carreira na que invertiu case 19 minutos, e detrás atravesaban a liña de chegada María Souto do Lucus Caixa Rural e Xoana Roig, do Atletismo Feminino Celta. E tras tanto esforzo tocaba repoñer forzas cun saboroso chocolate quente e agardar á entrega de premios, que protagonizaron a presidenta do Clube Olympo, Susana Castro, e o edil de Deportes Carlos Castro, entrega que tamén contou con sorpresa en forma de flash mob e que protagonizaron os alumnos e alumnas das escolas municipais de danza clásica e moderna cunha coreografía ao máis puro estilo Bollywood coa banda sonora de Slamdog Millioner.

No hay comentarios:

Publicar un comentario