sábado, 11 de enero de 2014

Nexo Centro Veterinarios e Dekologas álzanse co premio do público e xurado no I Certame de Escaparatismo de Nadal do Concello de As Pontes

Montserrat García, responsable da concellería organizadora do certame, presidiu unha entrega de premios que tivo como escenario a Casa do Concello As Pontes, 11 de Xaneiro de 2014.- Os comercios Nexo Centro Veterinarios e Dekologas fixéronse hoxe cos premios ao Mellor Escaparate de Nadal 2013 e Mellor Escaparate de As Pontes 2013 concedidos ao abeiro do I Certame de Escaparatismo de Nadal, organizado pola concellería de Promoción Industrial, Hostalería e Comercio. A responsable do departamento, Montserrat García, foi a encargada de presidir a entrega de premios dun certame no que participaron un total de 25 establecementos e no que, tanto un xurado especializado coma os propios veciños e veciñas de As Pontes puideron emitir o seu voto. Así as cousas, Cecilia García Picallo, responsable de Nexo Centro Veterinarios, enfeitizou ao xurado composto pola profesora de escaparatismo Nélida Carracela; a licenciada en Belas Artes, Sonia Sueiro, e o presidente da Asociación de Empresarios e Comerciantes de As Pontes, Luís Otero. A súa aposta estivo formada por unha típica cea de Noiteboa, pero ambiantada no mundo animal, cunha árbore de Nadal chea de agasallos, unha mesa de comedor na que non faltaba un detalle e ata o discurso do propio Rei de España. Pola súa parte, Dekologas alzábase co respaldo do voto do público cun total de 647 papeletas a favor das 4175 que resultaron válidas para o reconto final. Nesta tenda de agasallos e decoración apostaron por un escaparate onde pezas coma maletas, colonias, carteiras ou xoiais convivían con lazadas espectaculares, estrelas, renos de Nadal e por suposto luces de cores. A concelleira Montserrat García foi a encargada de dar a noraboa ás dúas premiadas e tamén tivo unhas verbas para os comerciantes presentes no Salón de Plenos, aos que agradeceu o seu traballo tanto durante o Nadal coma no resto do ano; agradecementos que se sumaron tamén aos que a edil adicou a Mª Carmen Fernández Felpeto, gañadora do escaparate de agasallos que serviu para premiar o voto popular e que tamén hoxe participou neste acto. Na súa intervención, García fixo especial fincapé, na importancia do sector comercial a nivel laboral e é que este sector xerou, ata mediados de 2013, un total de 256 empregos directos, a traverso de 143 comercios, cifras que demostran a relevancia dun sector que, dende o executivo local, continuarán a respaldar, mediante novas campañas, cursos de formación e iniciativas varias. Asemade, Montserrat García anunciou a intención de desenvolver un segundo curso de escaparatismo nos vindeiros meses, e é que o acto de hoxe tamén servía para facer entrega dos diplomas correspondentes ao primeiro curso de escaparatismo organizado semanas atrás polo concello e no que tomaron parte 15 comerciantes ponteses. Finalmente, García agradeceu tanto a participación dos comerciantes nas diferentes iniciativas que se desenvolven dende o seu departamento, coma o seu importante traballo e esforzo diario, sen o cal non sería posible saír adiante nunha situación económica tan complicada coma a que se está a vivir.

No hay comentarios:

Publicar un comentario