martes, 7 de enero de 2014

O CONCELLO DE AS PONTES MEDIARÁ NO CONFLICTO LABORAL QUE AFECTA AO PARQUE COMARCAL DE BOMBEIROS

O Concello de As Pontes ven de terciar no conflicto laboral no que están inmersos os bombeiros do Parque do eume, con sé en As Pontes. O propio alcalde, Valentín González, mantivo unha reunión con este colectivo durante o peche que protagonizaron a pasada semana e agora cumpre co seu compromiso de mediar na medida do posible. O Concello presentou xa unha solicitude formal para manter unha reunión co xerente do Consorcio do parque para trasladarlle a súa demanda de que se cumpran as demandas duns traballadores que perseguen un convenio que lles garanta as mesmas condicións para todos os que desenvolven o mesmo labor, e tamén en aras de poder cubrir con garantías as eventuais emerxencias, sen mermas para a seguridade cidadá e a do traballador. Precisamente o persoal do parque de bombeiros de As Pontes está hoxe á expectativa do que poda dar de si o reinício das conversas coa empresa Natutecnia para tentar chegar a un acordo nas negociacións por convenio igualitario aos de outros parques. A reclamación da dotación do parque pasa pola demanda dun convenio autonómico que homologue as súas condicións laborais. Apelan, asemade, á Lei de Emerxencias de Galiza de 2007 que, na súa disposición adicional terceira, impuña un prazo de tres anos para acadar este acordo que hoxe segue sen terse concretado. Os 17 bombeiros do Parque dos Airíos son persoal subrogado do Consorcio Provincial de Bombeiros, que está xestionado pola empresa Natutecnia, concesionaria do control de varios parques, e que en todos eles ten pendente esa reclamación da homoxeneización das condicións laborais. A Mesa de negociación constituíase hoxe con posturas moi distantes, polo que os traballadores veñen de intensificar as medidas de protestas logo de sobrepasar os tres meses de folga sen apenas repercusión á vista duns servizos mínimos que coinciden coa dotación regular da estación. O peche da semana pasada é a primeira das mobilizacións dun novo calendario a aplicar se non hai avantes na negociación. Os bombeiros comarcais insisten en considerar urxente poñer solución a estas diferencias entre os diferentes parques, e demandarán que tanto por parte da Administración como das empresas haxa vontade de solucionar un servizo que tal e como se presta consideran precario e insostible nas condicións actuais de xornadas, materiais e protocolos de actuación diferentes.

No hay comentarios:

Publicar un comentario