sábado, 11 de enero de 2014

O Concello de As Pontes rexistra, en 2013, unha baixada do 12,35 % na súa taxa de desemprego

A edil de Emprego, Ana Pena, daba conta, da súa satisfacción ante uns datos que sitúan a As Pontes entre os mellores tanto da provincia coma de Galicia As Pontes, 11 de Xaneiro de 2014.- A concelleira de Emprego, Turismo e Novos Proxectos, Ana Pena, valorou hoxe con moderado optimismo as cifras do paro publicadas hai uns días e que deixan un total de 958 persoas anotadas nas listas do SEPE, en decembro de 2013, en As Pontes, 15 persoas menos que en novembro. Segundo apuntou a edil en rolda de prensa, este dato demostra a tendencia á baixa que se estivo a rexistrar en materia de desemprego no Concello de As Pontes, nos últimos meses, e é que As Pontes, tal e como explicou a concelleira, leva xa un semestre vendo reducidas as súas cifras en materia de desemprego. Neste senso, Ana Pena apuntou que, malia que o paro descendeu en todo o estado (3%) e en Galicia (2,7%), durante o pasado exercizo, os datos de As Pontes son alentadores e moi favorecedores, situando ao municipio pontés entre os que contan coas mellores cifras tanto a nivel provincial coma autonómico, cunha baixada de máis dun 12%. Así as cousas e malia que en toda a comarca as cifras de desemprego rexistraron un descenso durante o 2013, As Pontes é o concello cos números máis favorables da zona, cunha baixada dun 12,35%, namentras que noutras urbes coma Ferrol ou Narón o descenso do paro tan só alcanzou o 7% e en concellos limítrofes coma As Somozas o paro tan só baixou un 2,7%. Con respecto ao balanzo xeral de 2013, a edil anunciou que 135 veciños de As Pontes saíron das listas do paro durante o ano que ven de rematar, unha nova que Ana Pena calificou non só de moi favorable senón tamén alentadora. Asemade, segundo explicou a concelleira, tamén se incrementou a poboación activa do concello con preto de 90 novas altas durante o pasado ano. De feito o obxectivo do goberno local pasa por continuar contribuíndo dentro das súas posibilidades e malia non ter competencias, á hora de manter este descenso nas listas do SEPE. Así, a concelleira de Emprego adiantou que se seguirán fomentando políticas que permitan contribuír coa tendencia á baixa do desemprego, e que van dende a formación das persoas sen traballo ata a posta en marcha dun plan de emprego. Tal e como apuntou Ana Pena, nestes últimos meses, dende a área de Orientación Laboral e Fomento do Autoemprego, estívose a realizar unha análise do mercado laboral pontés co fin de ofertar cursos acordes coa demanda, tanto presente coma futura, das empresas da zona. A isto sumarase un plan de emprego, no que se continúa a traballar, e que pretende ofrecer solucións que permitan crear emprego permanente e de futuro no municipio, e que sirvan para axudar a aqueles que se atopan nunha situación laboral complicada. Ana Pena concluíu a súa comparecencia ante os medios dando conta do seu desexo de continuar nesta liña de baixada nas cifras do paro do municipio, unha continuidade pola que, segundo a edil, se continuará a traballar dende o executivo local dentro das súas posibilidades.

No hay comentarios:

Publicar un comentario