martes, 14 de enero de 2014

O mercado municipal de abastos loce nova estética.

O mercado municipal de abastos volve estar xa en funcionamento logo de ter pechado a última semana para realizar os últimos retoques de pintura que se decidiran logo de rematar o proceso de remozado do edificio. Os usuarios poden volver empregar esta instalación municipal no prazo que se tiña marcado e os praceiros volven desenvolver o seu labor nun lugar en mellores condicións e moito máis diáfano, mesmo con mobiliario urbán integrado. De feito, na intención do equipo de goberno está o seguir adiante coa mellora deste edificio, e actuarase tamén no interior en canto sexa posible. A nova estética da fachada vai acorde coas melloras estéticas que nos últimos anos se están a realizar no casco urbán e que teñen a súa mellor aposta no centro neurálxico da urbe, onde se enmarca a vella praza. Estas obras de remodelación e mellora estética do mercado de abastos abordábanse con premura e cumprindo os prazos fixados, para acceder a unha subvención procedente da Xunta de Galicia. O proxecto supuxo un desembolso de case 160.000 euros e, con el, acadáronse, ademais dos obxectivos estéticos, a mellora na accesibilidade, a apertura dunha nova entrada e unha importante ampliación de espazo. As obras acometidas supuxeron tamén a eliminación dos soportais que daban aos xardíns Campo da Feira. Coa nova fachada acristalada gañouse máis espazo para os clientes e visitantes na pranta baixa, onde están os postos de venda ao que se sumou un novo revestimento composto por placas de aluminio e resina termoendurecida As actuacións nesta zona, son a mellor mostra do obxectivo perseguido da mellora da calidade dos espazos urbanos e dos equipamentos públicos do centro urbán.

No hay comentarios:

Publicar un comentario