jueves, 23 de enero de 2014

SERVIZOS SOCIAIS ORGANIZA UNHA CHARLA SOBRE O COIDADO DE PERSOAS DEPENDENTES

Moitos son os ponteses e pontesas que contan, no seu fogar, cunha persoa dependente, sen autonomía ou á que lle custa realizar as tarefas diarias máis sinxelas sen axuda. Avós, pais, tíos ou familiares en xeral que precisan dunha atención específica e que, ás veces, non sabemos como atender axeitadamente ante situacións tan cotiás coma o cambiar un cueiro ou realizar as tarefas de hixiene máis básicas. Para poder atallar este descoñecemento, dende a concellería de servizos sociais, e co respaldo da farmacia local Fernando González de la Fuente, están a organizar para o vindeiro día 31 unha xornada adicada precisamente ao coidado das persoas dependentes. A Casa Dopeso albergará esta xornada que se dividirá en dúas sesións de igual contido e que se desenvolverán entre as 10.00 e as 13.00 horas, ou ben dende as 16.00 ata as 19.00 horas. Con esta dobre conferencia o que se busca é chegar a toda a veciñanza, adaptándose en dúas sesións, a aqueles que traballan de mañá ou os que o fan polas tardes. No tocante aos contidos desta xornada, está previsto que se aborden dende as técnicas máis axeitadas para mobilizar ou mover a unha persoa dependente ata as mellores e máis cómodas posturas para unha persoa incapacitada fisicamente. Asemade, tamén se ofrecerán liñas de actuación para manter unha boa hixiene da pel do enfermo para evitar úlceras coa correspondente hidratación da mesma e outros temas coma a colocación dos cueiros. A entrada a esta charla será totalmente libre, tanto na xornada da mañá coma da tarde, ata completar aforo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario