jueves, 6 de marzo de 2014

A XXIV CARREIRA DE SAN XOSÉ E A PRIMEIRA EDICIÓN DA CARREIRA SOLIDARIA IN REAL TIME PROTAGONIZAN A AXENDA DEPORTIVA DO MES DE MARZO

O Clube de Atletismo Olympo terá un mes de marzo do máis axetreado e é que a entidade que preside Susana Castro celebrará dúas citas deportivas nas vindeiras semanas que, de seguro, serán do máis atractivas e contarán cunha alta participación. Así para o vindeiro día 15, teremos a XXIV Edición da Carreira de San Xosé, unha cita deportiva xa do máis asentada no calendario galego de carreiras populares e que, edición tras edición, conta cun gran número de participantes e con nomes do máis coñecidos no atletismo galego, coma Rodolfo Somovilla ou Melina Alonso, que xa lograron lugar no podium de anos anteriores. Ata o mércores da vindeira semana, será posible tramitar as inscricións para esta cita con tan só acceder á páxina do Clube Olympo ou na web www.carreirasgalegas.com, iso se se toma parte na carreira absoluta que inclue as categorías xuvenil, adultos e veteranos; namentras que os corredores que tomen parte nas categorías escolares, dirixidas a menores de 16 anos, deberán anotarse nas oficinas do pabillón municipal da Fraga, tamén ata o mércores da vindeira semana. Como novidade este ano, aqueles que se anoten na categoría absoluta deberán aboar 5 euros en concepto de inscrición. O que non cambiarán serán os percorridos que, unha vez máis, terán o entorno da fraga de Dona Rita e o encoro da ribeira como escenario. Así, os prebenxamíns afrontarán un percorrido de 350 metros, os benxamíns de 550 metras e os alevíns de 900 ou 1250 metros segundo se tome parte na categoría masculina ou na feminina. Na categoría infantil, as rapazas deberán percorrer 1250 metros e os rapaces 1450 metros ao igual que as participantes na categoría cadete feminino. A competición escolar pecharse co grupo cadete masculino que contará cun percorrido de 1800 metros. E no tocante á carreira absoluta, coma sempre, esta contará cun percorrido duns 6,5 quilómetros polo entorno da Fraga, a Cubeliña, Pontoibo e o encoro da Ribeira, con meta novamente na fraga de Dona Rita. As primeiras probas arrincarán ás 17.00 horas e xa sobre as 17.50 dará comezo a carreira absoluta, sendo necesario recoller o pertinente dorsal, como mínimo, media hora denantes do inicio de cada proba. No tocante aos premios, os participantes nas probas escolares loitarán por diferentes trofeos para os tres primeiros clasificados de cada categoría, e os adultos poderán competir tamén por premios económicos que van dos 200 euros para o primeiro clasificado aos 75 euros do terceiro, tanto na categoría absoluta masculina coma feminina. Asemade tamén haberá un recoñecemento co premio Luis Barrio Doel ao primeiro pontés e pontesa que atravesen a meta e un agasallo de Opticalia ao corredor e corredora que atravesen a meta no posto número 24. Ao que se sumará un premio de 100 euros para as entidades que máis corredores consigan clasificar na liña de meta. Todos os percorridos e condicións de participación pódense consultar na web www.carreirasgalegas.com ou no blog do Clube Olympo, no enderezo atletismoolympo.wordpress.com, onde tamén é posible anotarse nas carreiras absolutas, por suposto a proba conta coa colaboura do Concello de As Pontes. Por outra banda, tamén será posible empregar a Internet para inscribirsen na segunda proba que o Clube Olympo desenvolverá este mes e que ten como obxectivo recadar fondos para a ong Abay, que está a desenvolver varios proxectos solidarios en Etiopía. Esta cita, que levará por título In Real Time, desenvolverase o día 30, ás 10.00 horas e contará cunha proba para os corredores máis experimentados e unha andaina aberta ao público en xeral; probas que se desenvolverán simultaneamente en As Pontes, Etiopía e diferentes cidades de toda a xeografía española, coma Santiago de Compostela, Hondarribi, Cáceres ou Tres Cantos, cunha fin solidaria. O que será diferente, con respecto á San Xosé, será o percorrido xa que nesta cita as rúas do casco urbano serán as protagonistas. De feito a saída de cada proba instalarase a carón do colexio Santa María. Dende ahí partirán as carreiras absoluta, de 10 quilómetros e dirixida a maiores de 16 anos e unha andaina popular de 5 quilómetros, que arrincará trala proba absoluta. No tocante aos premios desta cita, outorgarase un agasallo aos tres primeiros homes e ás tres primeiras mulleres que atravesen a liña de meta. Para anotarse é necesario tamén facelo mediante a web carreirasgalegas.com e aboar 3 euros, aínda que para aqueles corredores que tomen parte tanto na Carreira de San Xosé coma na cita solidaria de In Real time haberá un desconto notable xa que, por tomar parte en ámbalas dúas competicións tan só deberán aboar un total de 6 euros que irán destinados ao proxecto que a ong Abay desenvolve en terras africanas. Asemade, o propio día da competición os veciños e veciñas que non desexen participar nin na andaina nin na carreira poderán colaborar economicamente con este proxecto solidario xa que tamén se porá a desposición da veciñanza un peto para a recollida de doazóns.

No hay comentarios:

Publicar un comentario