miércoles, 5 de marzo de 2014

As Pontes conmemorará o Día Internacional da Muller con charlas, exposicións, documentais e actividades nas escolas

Servizos Sociais e o CIM porán en marcha o venres unha serie de actividades que ocuparán todo o mes de marzo e ao que se unirá a concellería de Promoción Industrial, Hostalería e Comercio e a Biblioteca Municipal As Pontes, 05 de Marzo de 2014.- O Concello de As Pontes conmemorará, un ano máis, o Día Internacional da Muller (8 de marzo) cun programa ateigado de actividades coas que se pretende chegar á cidadanía de todo tipo de idade. O departamento municipal de Servizos Sociais, xunto co Centro de Información á Muller (CIM), idearon unha serie de iniciativas que arrincará estes mesmo venres, día 7, cunha nova edición do programa radiofónico Voces pola Igualdade, que se poderá escoitar na emisora local Radio Eume, dende as 10.00 horas, e no que se escoitarán as voces e experiencias de varias mulleres do municipio pontés, pertencentes a diferentes xeracións pero das mesmas familias e coas que se falará do cambio da vida e do papel da muller co paso dos anos. Tamén nesta mesma xornada está previsto que as concelleiras pertencentes á corporación municipal pontesa den lectura a un manifesto en prol da igualdade entre homes e mulleres e que, na biblioteca Enrique Rivera Rouco, se abra unha mostra literaria adicada ás mulleres nos libros tanto infantís coma de adultos e que levará por título As Nais nos Libros, mostra que poderemos desfrutar ata o 24 de marzo. Non faltará tampouco o programa A muller nas Escolas, dirixido ao alumnado de Educación Infantil e Primaria de todos os centros educativos ponteses e que se desenvolverá entre os días 10 e 17 de marzo, coa colaboura de Atalaia Social e que, este ano, levará polos diferentes centros educativos a súa particular visión da sociedade dunha nena chamada Alba e a súa avoa Maruxa. Tamén o luns da vindeira semana abrirase, no Mercado Vello, unha mostra fotográfica, titulada De muller a muller, realizada polo colectivo fotográfico Reollo e que conta coa colaboura da Asociación de Viuvas María Magdalena, as Amas de Casa, a Biblioteca Municipal e RTVEume, e que plasma diferentes xeracións de mulleres de varias familias pontesas. Precisamente esta mostra fotográfica deu lugar tamén a un documental que será presentado o vindeiro día 19 ás 19.30 horas, tamén no Mercado Vello. Como novidade para este ano, dende Servizos Sociais tamén se optou por poñer en marcha un curso de preparación ao parto na auga e que arrincará o xoves da vindeira semana, nas dependencias da piscina municipal, ás 19.00 horas e que se prolongará ata finais do mes de maio. A programación deseñada por Servizos Sociais pecharase o 24 de marzo, cun video forum aberto a todo o público e no que será protagonista o filme Madres&hijas de Rodrigo García, que se proxectará ás 19.30 horas na Casa Dopeso. Xornadas sobre o Día Internacional da Muller Ademáis das actividades deseñadas polo departamento de Servizos Sociais, dende a Concellería de Promoción Industrial, Hostalería e Comercio tamén se unirán este ano á conmemoración do Día Internacional da Muller organizando para este mesmo venres unha xornada con diferentes charlas protagonizadas por mulleres pontesas, moitas delas emprendedoras. O auditorio municipal Alovi acollerá esta cita que se desenvolverá entre as 11.00 e as 12.30 da mañá e que irá dirixida a alumnos e alumnas de 5º e 6º de Primaria e de 1º e 2º Secundaria. No tocante ao listado de poñentes, ademáis da edil Montserrat García, tamén está previsto que se conte coa presenza da veterinaria Cecilia García, a avogada Rocío Meizoso, a traumatóloga Laura Ameneiro; a xerente da empresa Sergabi, Jennifer Gómez ou a policía municipal Lucía Legaspi.

No hay comentarios:

Publicar un comentario