miércoles, 12 de marzo de 2014

De Muller a Muller plasma en fotografas a oito familias de mulleres pontesas

Dende o pasado luns, o Mercado Vello conta nas súas dependencias coa mostra fotográfica De Muller a Muller, un dos eventos enmarcados neste mes de actividades vencelladas ao Día Internacional da Muller, que se celebraba o pasado sábado. Na sala de exposicións do Mercado Vello colgan xa case medio cento de instantáneas que recollen os intres que se produciron durante a gravación dunha reportaxe na que se reflicte a evolución do papel da muller na sociedade a traverso de diferentes xeracións de mulleres das mesmas familias. Dende RTV Eume preparábase este documental que será presentado nesta mesma sala o mércores da vindeira semana ás 19.30 horas onde, ata entón, se poderán ver as fotografías que realizaban os membros do Grupo Reollo aproveitando a xuntanza. Son fotografías a xeito de retrato en branco e negro nas que se ven a nais, fillas, netas e mesmo bisnetas interactuando mentres falaban de si mesmas e da época e as circunstancias que como mulleres lles tocou vivir. O concelleiro de Servizos Sociais, José Alén, e a directora do Centro de Información á Muller, Maca Rego, foron os encargados de presentar a mostra e salientaban o traballo dos fotógrafos locais que souberon captar nas súas imaxes os momentos de complicidade entre as mulleres das oito familias que participaron desta novidosa iniciativa. A inauguración congregou a numerosos veciños e veciñas que quixeron estar xa na apertura dunha exposición que poderemos ver ata o vindeiro día 19, incluído, de luns a venres, de 18.00 a 19.30 horas, ou os sábados pola mañá, entre as 12.00 e as 13.30 horas.

No hay comentarios:

Publicar un comentario