lunes, 17 de marzo de 2014

González Formoso inaugura a nova área de aparcadoiro e servizos para autocaravanas do Concello de As Pontes

Máis de 200 persoas a bordo de 75 autocaravanas participaron hoxe na inauguración dunhas infraestructuras que suporán unha nova opción turística para o municipio que contou co respaldo da Asociación Galega de Autocaravanas As Pontes, 15 de Marzo de 2014.- O alcalde de As Pontes, Valentín González Formoso; xunto coa primeira tenente de Alcalde, Montserrat García, e o presidente da Asociación Galega de Autocaravanas (AGA), Jorge Ferreiro; inauguraron hoxe a nova área de servizos e aparcadoiro para autocaravanas do Concello de As Pontes, a número 77 a nivel galego. González Formoso foi o encargado de presidir os dous actos dos que hoxe foron protagonistas as algo máis de 200 persoas, todas socias de AGA, que a bordo de 75 autocaravanas, se desprazaron ata As Pontes para pasar a fin de semana. A Casa do Concello acolleu o acto de maior solemnidade: unha recepción ofical no salón de plenos e que serviu para dar a benvida e as grazas a estes visitantes de Galicia, Asturias e Castela e León, que escolleron As Pontes como punto de parada. Na súa intervención, o alcalde pediu aos presentes que desfrutasen, durante estes días, de todo o que As Pontes ten que ofrecer pola súa gran riqueza a nivel histórico, gastronómico e natural. González Formoso fixo especial fincapé no gran atractivo turístico do lago, unha paraxe que, tal e como subliñou o edil, conta cun pasado, coa historia de moitos ponteses e pontesas, co seu traballo e ata cos seus fogares agochados baixo eses 21 quilómetros cadrados de auga; atractivo turístico que se verá aínda máis potenciado grazas ás novas instalacións para autocaravanas que, dende hoxe, xa se atopan operativas e que permitirán, a xuízo do alcalde, captar un novo tipo de turismo tamén moi popular como é o autocaravanismo. Pola súa parte, o presidente de AGA, Jorge Ferreiro, agradeceu o esforzo e colaboura do concello de As Pontes á hora de habilitar unha área de servizo para autocaravanas; unha zona que está situada na Canle IV, que consta de aparcadoiro, toma de auga, sumidoiro e roteiro do municipio; construída pola empresa Huso 29 mediante unha inversión de 11.652 euros e que se deseñou seguindo as ideas dos propios directivos de AGA. Posteriormente, Concello e AGA intercambiaron diferentes agasallos para rematar na propia Canle IV coa foto oficial de todos os autocaravanistas e membros do executivo local nesta nova área de servizo e cun breve concerto de música tradicional a cargo do grupo No Cómbaro. Programa da fin de semana Durante a fin de semana, as máis de 200 persoas que chegaron a As Pontes a bordo das súas autocaravanas tamén terán a oportunidade de desfrutar doutro tipo de actividades de ocio, á marxe da institucionalidade da inauguración celebrada esta mañá. Así, á tarde os autocaravanistas poderán tomar parte nunha roita guiada polo municipio e que, por suposto, inclúe unha visita ao lago de As Pontes, para continuar co concerto de presentación do disco do acordeonista pontés Andrés Penabad. Xa mañá, os autocaravanistas participarán nunha visita ao Museo Etnográfico de Monte Caxado coa que pecharán a súa estadía en As Pontes e retomarán camiño ás súas cidades de orixe.

No hay comentarios:

Publicar un comentario