viernes, 14 de marzo de 2014

Máis de 600 escolares ponteses participan nunha nova edición do programa Muller nas Escolas promovido polo depatamento de Servizos Sociais e o CIM

Muller nas Escolas pechou hoxe a súa andaina neste ano cos alumnos e alumnas de Educación Primaria, chegando a un total de 400 pequenos e pequenas de Primeiro e Segundo ciclo de Primaria e achegando, novamente, mediante xogos e entretidas e participativas actividades os cambios que, durante estes anos, se viviron na sociedade en relación co papel do home e da muller na mesma. Estudantes de Monte Caxado, A Fraga, A Magdalena e Santa María foron os destinatarios dunha serie de dramatizacións, xogos e charlas nas que se falou dos homes e das mulleres, dos seus valores ou características, e do seu papel no día a día da sociedade e no mundo laboral. Todo isto co obxectivo de pulsar as ideas dos máis novos con respecto ás diferenzas de xénero e aos estereotipos que aínda permanecen na sociedade coma que hai xoguetes para nenos e outros para nenas, profesións só para mulleres e outras tan só para homes ou que as tarefas do fogar son só cousas de rapazas. Hoxe os protagonistas das actividades desenvolvidas dende a concellería de Servizos Sociais e o Centro de Información á Muller foron precisamente os alumnos e alumnas de Santa María. Un cento de nenos e nenas de entre 6 e 12 anos tomaron parte nos diferentes xogos e actividades ideadas pola empresa Atalaia Social que, ao igual que toda esta semana noutros centros educativos, estiveron protagonizadas por Alba e a súa avoa Maruxa, que, nesta ocasión tamén contaron coa compaña do pequeno Antón, irmán de Alba, e a súa nai Carme. Estas catro personaxes protagonizaron unha entretida conversa na que tamén participaron os alumnos dos diferentes cursos de Primaria de Santa María onde analizaron dende o papel das rapazas no mundo escolar ata o como se divirten hoxe en día, xogando ao fútbol ao igual que calquer outro neno; situación que contrastou coas experiencias da avoa Maruxa que tamén relataba a súa vida de nena, vencellada ao mundo do campo, das tarefas domésticas e realizando actividades que agora xa non son cuestión de sexos. Por suposto tamén os escolares tomaron parte nesta particular conversa de familia e é que, con diferentes casos prácticos e ata cancións, estes pequenos e pequenas aprenderon que os rapaces tamén poden ser perruqueiros, as mulleres poden ser grandes electricistas e que nenos e nenas poden ter o mesmo mal xenio, ser igual de valentes ou de sensibles. Toda unha experiencia que pretende instalarse na mentalidade dos máis novos, do que son os homes e mulleres das xeracións futuras e nas que, se se continua con esta liña de traballo, é moi posible que xa non sexa necesario celebrar a igualdade de xénero senón que ésta sexa toda unha realidade. Muller nas Escolas aínda contará cunha derradeira sesión. Será o luns e estará dirixida a máis de 230 estudantes de Educación Infantil de todos os centros educativos ponteses que se desprazarán á mañá ata o Auditorio Municipal Alovi. Estes pequenos e pequenas serán recibidos tamén pola avoa Maruxa e Alba, que falarán das cancións e xogos infantís de épocas atrás e da sque se cantan hoxe en día coa fin de analisar, a modo de xogo e de actividades do máis participativas, os conceptos de igualdade de xénero que teñen os máis pequenos; os roles que eles xa teñen asumidos con respecto aos homes e mulleres e para dar conta de historias e anécdotas marcadas polo papel deles e delas.

No hay comentarios:

Publicar un comentario