lunes, 3 de marzo de 2014

O mal tempo desloce a XXXIV Feira do Grelo de As Pontes

A chuvia non respetou a celebración da nosa cita gastronómica máis emblemática e onte as precipitacións non concederon nin nun intre de tregua para a celebración da edición número 34 da Feira do Grelo. Foi unha feira menos de rúa, coa xente resgardándose a cuberto dos locais de hostalaría e facendo visitas relámpago ás diferentes ofertas da xornada e á obrigada compra desta hortaliza fresca e con garantía de recoleción natural e ecolóxica. A concelleira de Cultura, Sara Ramos, lamentaba o mal tempo, pero salientaba que malia isto os grelos tiveron moi boa saída e mantívose o nivel habitual de vendas deste producto típico do entroido. O certame volveu congregar a numerosos productores que este ano presentaron 63 cestas, todas obsequiadas cun incentivo para gastos de desprazamento. Este ano, logo de efectuar a valoración o xurado, decidíase outorgar os premios a Eva Garrido Iglesias , que viña de Monfero, e que levou os 300 euros da cesta mellor engalanada e a Mª Luz Váquez Souto, chegada dende Xermade, que se fixo cos outros 300 euros adxudicados á mellor calidade do grelo. O resto dos premios foron, en cesta mellor ornamentada, para Fidel Vilaboy López, de As Somozas, como segundo e para Ana Isabel Pico Álvarez, de Badón , aquí en As Pontes como terceira, que levaron para a súa casa 200 e 100 euros respectivamente. Canto á calidade do grelo entregáronse tamén tres accésits, que foron para Josefa Romero Sueiras, de Somede, Digna Carballeira Carballeira, tamén de As Pontes, e Mª Emérita Pico Doce de A Faeira - As Pontes. Todos dotados con 60 euros cada un. Os outros dous premios, segundo e terceiro, que secundaron á gañadora absoluta, María Luz Vázquez, foron para a pontesa Dina Franco Ribeira, que como terceira levou 200 euros, e para Mª Isabel Ribeira Bañobre, tamén de As Pontes á que como segunda lle corresponderon 250 euros. A entrega de premios celebrouse na carpa do colexio Santa María, coa participación do alcalde, Valentín González Formoso, e os concelleiros de Medio Rural, Antonio Castro, e Cultura, Sara Ramos. Precisamente esta última salientaba que malia que as circunstancias non eran as máis propícias acadárase unha boa participación e moita calidade no produto. Logo da entrega dos premios procedeuse á degustación popular que este ano ofrecía un prato de grelos con patacas, butelo da Fonsagrada, e como sobremesa requeixo da Faeira e mel de Goente. Un prato que se servíu por tan dez euros e que en moitos casos foi mercado para levar ós domicilios diante do pouco apacible que estivo o día para xantar fóra. A opinión unánime incidíu na mellora co novo menú deste ano, anque as vendas foron inferiores a edicións precedentes e non se chegou a vender a totalidade das racións. O que tamén volvía ter moita aceptación cunha demanda que non deixou de xerar colas, foron os freixós, que tamén se vendía a un módico prezo de un euro por cada tres unidades. Neste caso si se esgotaron as existencias do producto que chegou xusto para cubirir o prazo establecido de venda malia que se plantexou ter que pechar denantes. Paralelamente ó evento puramente gastronómico celebráronse outras actividades que tamén concitaron a atención de veciños e visitantes. Os grupos Os Trevillas e Alfaia amenizaron o día coa música tradicional, e ademais tivemos as clásicas demostracións en vivo de torneado a cargo da Asociación de Amigos da Madeira e a mostra de artesanía no Mercado Vello.

No hay comentarios:

Publicar un comentario