lunes, 31 de marzo de 2014

Paula Mayobre e David Castro proclámanse gañadores da primeira carreira solidaria In Real Time de As Pontes

As Pontes volvía dar conta hoxe da súa solidaridade de ahí que moitos ponteses e pontesas se animasen esta xélida mañá a saír á rúa para participar na primeira edición da carreira In Real Time, organizada pola organización non gubernamental Abay para recadar fondos para o proxecto educativo que esta entidade está a desenvolver na cidade etíope de Walmara. Abay non podía contar con mellor apoio na nosa vila como foi o caso do Clube de Atletismo Olympo que, xunto co Concello de As Pontes, se encargou de telo todo a punto para esta cita deportivo - solidaria, e que estivo amadriñada por unha atleta de excepción: a galega Paula Mayobre. Con ela houbo centos de ponteses que decidiron ou ben percorrer correndo os 10 quilómetros dos que constaba a proba ou ben xa optar polo percorrido de 5 quilómetros dunha andaina popular cun gran número de participantes. Así a cifra de inscritos total entre ámbalas dúas modalidades alcanzou os 411 dorsais, un número moi respetable á altura doutras citas deportivas deste estilo que tamén se desputaban onte noutras cidades coma Hondarribi, Santiago de Compostela, Cáceres ou Tres Cantos. A saída nesta xélida mañá de domingo dábase ás 10, ao igual que no resto de carreiras solidarias que Abay organizou hoxe por todo o país e ata na cidade etíope de Walmara, e todo cunha boa fin de por medio: o lograr recadar a meirande cantidade de fondos posibles para continuar a desenvolver unha escola deportiva nesta cidade de Etiopía. Entre os corredores, facianas ben coñecidas coma a de varios membros do Clube de Atletismo Olympo que non se quixeron perder esta proba e ata a do edil de Deportes, Carlos Castro, que tomou parte na andaina popular que tivo como punto de partida a rúa Alexandre Bóveda e que percorreu o centro urbano, a Canle IV, o paseo da Constitución e ata chegou ao Poboado das Veigas para rematar novamente no mesmo punto de saída: os arredores do colexio de Santa María. Non houbo sorpresas na clasificación da proba, malia que o importante non era o resultado, senon o colaborar cunha boa causa. Aínda así, en menos de 36 minutos chegaban á liña de meta os dous gañadores das categorías masculina e feminina: o pontés David Castro cun tempo de 35 minutos e 15 segundos e Paula Mayobre, que investiu nesta carreira 35 minutos 47 segundos, o mellor resultado en categoría feminina de todas as probas desputadas hoxe a nivel nacional. Completaron o podium masculino Juan Jose Muíño como segundo clasificado e Jonathan Alves que entraba terceiro, e no tocante ás rapazas segunda foi Luz Cercido e terceira unha pontesa, tamén integrante do Clube Olympo e xa unha habitual na recollida de premios de carreiras populares: Susana Bellas. Asemade, durante a mañá houbo tempo para repartir agasallos por parte de Abay para os colaboradores desta proba; por unha parte o Clube de Atletismo Olympo, con Susana Castro e Miguel Vilaboy á cabeza, e por outra o Concello de As Pontes, que estivo representado polos edís de Deportes e Servizos Sociais. Durante esta mañá tamén se sortearon agasallos doados por Abay e por diferentes establecementos da localidade e ata houbo quen mercou algún dos productos de artesanía etíope coma colgantes, pulseiras, libros e láminas decorativas, que se puxeron á venda durante a mañá, ou para xogar e divertirse no taller de pintura africana ou cos xogos populares que tamén se desenvolveron no patio do Colexio Santa María.

No hay comentarios:

Publicar un comentario