viernes, 28 de marzo de 2014

Títeres Trompicallo e Kalina Teatro presentan mañá en As Pontes a súa obra Rumpelstikin, o anano saltarín

A representación arrincará ás 18.30 horas, no auditorio municipal Alovi, e suporá a estrea a nivel nacional desta nova montaxe con monicreques, sombras e proxeccións que farán as delicias do público presente As Pontes, 28 de Marzo de 2014.- As Pontes acollerá mañá a estrea dunha nova montaxe da compañía Títeres Trompicallo. Trátase de Rumpelstikin, o anano saltarín; unha historia que aterra mañá no auditorio municipal Alovi, da man da Concellería de Cultura e do seu programa de teatro infantil para esta primavera. Nesta ocasión, Títeres Trompicallo auna traballo e esforzo con Kalina Teatro para dar vida a unha historia que ten como inspiración unha antiga lenda nórdica, dirixida por Plamen Dipchikov e coa escenografía de Ani Petrova feita realidade polos actores Luis González e Mariam González. Rumpelstikin é unha obra para toda a familia, con mensaxe para grandes e pequenos e, tal e como nos daba a coñecer os seu propio director, cunha mestura de diferentes técnicas escénicas que permiten darlle corpo e vida ás diferentes personaxes que pasan por esta historia, ateigada de valores e onde a principal ensinanza pasa porque cada un sexa dono do seu destino, da súa vida. Monicreques de gomaescuma, teatro de sombras e proxeccións son a base deste espectáculo que se estreará mañá nunha oportunidade única no auditorio municipal Alovi, unha estrea que chegaba da colaboura do departamento municipal de Cultura e a propia compañía Trompicallo, relación que ven de moi atrás xa que nestes últimos anos a formación de Abegondo non se esqueceu de As Pontes á hora de traer eiquí espectáculos coma Osiño, Nadarín ou Bolboreta e que volvía apostar pola nosa vila para dar a coñecer o seu traballo. Nesta ocasión, o poder acoller esta estrea é unha oportunidade única, todo un honor, en verbas da propia edil de Cultura, Sara Ramos, que deu conta tamén do gran traballo que se está a desenvolver dende o seu departamento, á hora de ofrecer aos máis novos espectáculos teatrais e de todo tipo que permitan o seu enriquecemento coma individuos e que se separen da súa diversión diaria, vencellada aos videoxogos ou á televisión. Rumpelstinkin é unha historia máxica, que hai que desfrutar, dirixida a toda a familia e garantía segura de diversión. Unha lenda antiga remodelada ateigada de emocións e que ninguén se debería perder mañá, tal e como apuntaron os actores Luis e Marian González e o seu director, Plamen Dipchikov. Rumpelstikin, o anano saltarín representarase mañá ás 18.30 horas, no auditorio municipal Alovi. As localidades poranse á venda dende as 17.00 horas, na billeteira do Alovi e terán un prezo de 3 euros para adultos e de 1,50 para menores de 12 anos, maiores de 65 anos e posuidores dos carnés Xove e de Estudante.

No hay comentarios:

Publicar un comentario