viernes, 25 de abril de 2014

Ana Pena clausura o curso de xestión administrativa que permitiu formar a 15 desempregados

O pasado mércores celebrábase no Salón de Plenos do Concello a entrega de diplomas dun novo curso promovido dende a Concellería de emprego. A entrega dos diplomas enmarcouse no acto de clausura deste curso de Xestión Administrativa Básica organizado polo Departamento que dirixe a responsable municipal de emprego, Ana Pena. Nesta acción formativa participaron 15 alumnos e alumnas que se formaron, durante 195 horas, na organización administrativa dunha empresa e os seus distintos departamentos, aprendendo a xestionar stocks e almacéns, adquirindo coñecementos de atención ao cliente e comunicación, facturación, pedidos e albaráns, contabilidade e en aplicacións informáticas, de xeito que acadaban unha formación integral na área administrativa. Nas intervencións realizadas neste acto salientábase que se acadaran os obxectivos de crear un perfil profesional para as persoas con menor cualificación, como colectivo prioritario nas accións de orientación laboral, para que adquiriran as capacidades e competencias en condicións óptimas e para asumir as responsabilidades propias do desenvolvemento de funcións e tarefas na área de administración e facilitar o seu acceso ao mercado de traballo. Ao acto de clausura asistiron, ademáis do alumnado, representantes da empresa de formación local Ensino e Ana Pena, como representante do Concello, que entregaron un diploma acreditativo do aproveitamento do curso e dos contidos do mesmo á quincena de alumnos e alumnas.

No hay comentarios:

Publicar un comentario