viernes, 4 de abril de 2014

O Concello reúne aos colectivos de mulleres do municipio para trasladarlles a problemática que se atravesa no centro de saúde

O edil de Servizos Sociais, José Alén, anunciou durante esta reunión a intención de poñer en marcha unha recollida de sinaturas en contra da eliminación de servizos no Centro de Saúde de As Pontes As Pontes, 04 de Abril de 2014.- O Concelleiro de Servizos Sociais, José Alén, mantivo hoxe un encontro coas xuntas directivas dos colectivos de viuvas María Magdalena e das Amas de Casa de As Pontes, co fin de informalas sobre as xestións que se están a levar a cabo dende o cabildo pontés en relación á decisión da Xunta de Galicia de eliminar o servizo de xinecoloxía do Centro de Saúde de As Pontes, unha vez se xubile o seu actual titular. O edil deu a coñecer ás directivas presentes a declaración institucional asinada recentemente por todos os grupos políticos municipais e que se presentou o pasado 13 de marzo, en sesión plenaria, un texto xa remitido á Consellería de Sanidade e no que, ademáis do mantemento do servizo de xinecoloxía, dende o Concello de As Pontes se reclama a restitución da segunda praza de pediatría; a instalación dun servizo de raios X, - servizo xa comprometido tempo atrás polo goberno autonómico – e a asunción inmediata por parte da Xunta de Galicia do centro de saúde de As Pontes, segundo compromiso que a día de hoxe segue sen facerse efectivo, malia que o concello xa cumpriu cos trámites esixidos dende a Consellería de Sanidade. Segundo aclarou José Alén, esta declaración xa foi remitida ao departamento autonómico de Sanidade xunto cunha solicitude de reunión entre executivos local e autonómico, sen que día de hoxe se producise resposta algunha. Ante esta falla de solucións por parte do departamento que dirixe Rocío Mosquera, José Alén anunciou que o Concello ten previsto iniciar unha campaña de recollida de sinaturas na que pretende implicar a todo o tecido asociativo pontés, co fin de presionar á Consellería de Sanidade para que se atendan as demandas pontesas en materia sanitaria. A vindeira semana está previsto que se elabore o texto que encabece a recollida de sinaturas e que se inicien tamén os contactos cos colectivos veciñais para que, entre os seus socios, den conta da situación que se está a rexistrar no centro de saúde e toda a cidadanía pontesa amose a súa disconformidade coa política de recortes a nivel sanitario que se están a desenvolver dende o executivo autonómico.

No hay comentarios:

Publicar un comentario