martes, 15 de abril de 2014

Unha vintena de pequenos e pequenas participan nestes días nos obradoiros As Pontes Divertido 2014

O departamento municipal de Servizos Sociais e o Centro de Información á Muller abriron ontehoxe, unhas vacacións máis, o seus campamentos urbanos dirixidos á conciliación da vida laboral e familiar durante as vacacións neste caso, de Semana Santa. As Pontes Divertido 2014, que así se chama este espazo, desenvolverase ata o luns da vindeira semana nas dependencias do colexio da Magdalena e conta coa dirección dos monitores do espazo infantil Picariños. Unha vintena de pequenos e pequenas de entre 3 e 12 anos participan, nestes días, neste particular modo de pasar as vacacións de Semana Santa, divertíndose, aprendendo e, sobre todo, compartindo tempo con novos amigos e amigas; mesturando o lúdico coa aprendizaxe, con xogos e actividades moi participativas aptas para todo tipo de idades e cun eixo común: a animación á lectura e é que, nesta edición de As Pontes divertido traballarase en prol de lograr fomentar a afección á lectura dos máis novos. Durante estes catro días que duren estes campamentos, o programa será moi semellante ao que vivían estes pequenos e pequenas campistas, onte no seu primeiro día. Así, entre as 9.00 e as 10.00, os nenos e nenas van chegando ás dependencias da Magdalena, onde son recibidos polos monitores de Picariños. Unha vez instalados, tocaba iniciar os obradoiros, o primeiro da mañá adicado á animación á lectura. Non podía faltar un descanso para xogar no patio ou desfrutar da merenda, denantes de adentrarse na celebración da pascua e no segundo obradoiro da mañá: neste caso adicado á elaboración de coelliños de Pascua e para rematar a xornada nada mellor que facelo xogando e, por riba, aprendendo en valores.

No hay comentarios:

Publicar un comentario