viernes, 30 de mayo de 2014

A aula Cemit reabrirá as súas portas a vindeira semana con novas actividades formativas

O Concello das Pontes, a través da Concellería de Administración, Persoal e Radio e Televisión Local, que dirixer Jessica Lago, porá en marcha novas accións formativas a través da Aula Cemit. Esta aula, que busca a ruptura da brecha dixital impulsando, potenciando e difundindo coñecementos nas tecnoloxías da información, abrirá de novo as súas portas, no soto da Casa Dopeso, a partir do 9 de xuño. As accións previstas para a súa reapertura están abertas á participación de desempregados e desempregadas do municipio, axentes sociais e empresariais, así como calquera persoa interesada en participar na inclusión dixital. Coa fin de abarcar distintos colectivos de veciños e veciñas, o Concello das Pontes seleccionou accións formativas con importante demanda a través da área municipal de emprego, tales como curso de uso de follas de cálculo en nivel avantado, curso de creación de páxinas web, curso de informática para extranxeiros ou un curso de márketing comercial. Para obter máis información das accións formativas, horarios, ou inscrición, as persoas interesadas deben dirixirse á área de emprego municipal, sita no segundo andar da Casa do Concello. O obxectivo que se persegue a través das accións formativas da Aula Cemit é o de conseguir a converxencia do noso municipio cos obxectivos fixados pola Unión Europea, garantindo os dereitos dos cidadáns e eliminando as barreiras tecnolóxicas. Ademáis, dende a concellería responsable, saliéntase a importancia de aproveitar os recursos dos que se dispon para axudar ás persoas demandantes de emprego ou aos traballadores e traballadoras das empresas locais a reforzar os seus coñecementos na área tecnolóxica que, sen dúbida redundará nunha mellora da empregabilidade dos nosos veciños e veciñas.

No hay comentarios:

Publicar un comentario