viernes, 30 de mayo de 2014

A Concellería de Emprego ofreceu un seminario de orientación laboral a estudantes do I.E.S Castro da Uz dirixido a facilitar o seu acceso ao mercado laboral

Unha trintena de estudantes de diferentes ciclos formativos participaron nesta sesión na que tamén se contou coa concelleira do ramo, Ana Pena As Pontes, 30 de Maio de 2014.- A Concellería de Emprego, Turismo e Novos Proxectos decidiu levar hoxe o seu traballo ata as dependencias do Instituto de Secundaria Castro da Uz, concretamente ata o alumnado que cursa algún dos ciclos de Automoción, Administración e finanzas, Electrónica ou Informática e que ou ben en breves ou nun par de anos iniciarán a súa andaina no mundo laboral. De feito, o obxectivo da visita das técnicas do departamento que dirixe Ana Pena foi dar conta aos estudantes destes ciclos formativos non só os servizos da concellería de emprego, senón tamén aspectos xa máis dirixidos ao mundo laboral e á incorporación dos estudantes no día de mañá a este mercado; aspectos coma a elaboración dun curriculum, a preparación dunha entrevista de traballo ou os diferentes métodos que se poden empregar para a busca dun emprego. Unha trintena de estudantes participaron nesta intensa xornada que estivo impartida polas técnicas municipais Gema García e Margarita Rivera e na que tamén se contou coa presenza da edil de Emprego, Ana Pena. A concelleira deu conta aos estudantes das actividades que se desenvolven ao abeiro do departamento que dirixe e que van dende o asesoramento aos desempregados, ata a realización de cursos formativos deseñados segundo as necesidades tanto de empresarios coma de traballadores e que buscan lograr a integración laboral da xente que non conta cun emprego. Asemade, Ana Pena puxo a desposición dos alumnos presentes todos estes servizos e apuntaba que tamén no seu departamento se atenden as demandas, propostas ou inquedanzas dos que se achegan ata estas oficinas, ubicadas no segundo andar da Casa do Concello. A edil tamén quixo facer referenza ao contido deste seminario dirixido á orientación laboral e apuntaba que, mediante esta charla, o que se busca é dar aos estudantes ponteses os recursos á hora de presentar un curriculum ou afrontar unha entrevista laboral que lles permitan ter máis posibilidades para acadar un posto de traballo. Pola súa banda, as dúas técnicas municipais ofreceron aos presentes información sobre os diferentes tipos de curriculums existentes e cal é o modelo máis axeitado para cada tipo de oferta laboral; recalcando a importancia de dar a coñecer os aspectos máis positivos do solicitante de emprego. Asemade, tamén houbo tempo para ofrecer indicacións básicas para, á hora de afrontar unha entrevista de traballo, o candidato se atope perfectamente preparado ante calquera pregunta, coñeza tanto o tipo de entrevistador coma o tipo de entrevista á que pode ser sometido e, por suposto, aprenda a utilizar todas as ferramentas posibles para lograr un traballo, coma os portais de emprego ou as redes coma o Linkedin.

No hay comentarios:

Publicar un comentario