lunes, 2 de junio de 2014

150 CAMIÓNS E MEDIO CENTO DE VEHÍCULOS DE EXPOSICIÓN PROTAGONIZARON A XIV FESTA DO CAMIONEIRO DE AS PONTES

O mundo do camión volvía estar de festa esta pasada fin de semana, e é que, un ano máis tocaba render homenaxe a eses homes e mulleres que pasan a vida e quilómetros e quilómetros de estradas a bordo do seu gran camión. Así, como ven sendo habitual por estas datas, o noso concello volvía ser escenario, nestes dous últimos días, dunha multitudinaria homenaxe a esta profesión, e por suposto, da man dunha festa por todo o alto, a XIV xa que se organiza para homenaxear a todos os camioneiros e camioneiras. O cabildo pontés, a Asociación do Colectivo de Transportistas do Carbón e o Colectivo Transpuerto Ferrol – As Pontes volveron unirse para crear unha xornada de diversión e desfrute onde o mundo do camión foi o eixo central de exposicións, marchas e ata citas gastronómicas. Dende ben cedo, ducias de camións e grúas congregáronse no barrio da Casilla para protagonizar unha marcha na que non faltaron vehículos vidos non só do propio concello de As Pontes, senón tamén doutros municipios coma Vilalba, Lugo, Xermade ou Ferrol, adicados tanto ao mundo da construcción coma ao do transporte do carbón e é que, entre os participantes non faltaron empresas locais coma C.T.C, Armacón, Canosa ás que se sumaron Transportes Estéllez ou Eume. Hormigoneiras, grúas e grandes do transporte en xeral percorreron o Poboado das Veigas, a Avenida de Galicia e da Habana, a rúa Celso Emilio Ferreiro e a Avenida de Vilalba para rematar percorrido na Canle IV onde quedaron estacionados os 150 camións que participaron nesta saída. A partires de ahí tocaba desfrutar das múltiples actividades deseñadas para o resto da xornada onde non faltaron as exposicións de vehículos antigos coma Mercedes, Seat 600, Minis, Renault Alpine ou Lincolms e tamén mostras de vehículos modernos á venda, tanto en clave de turismo como xa no que respecta ás últimas novidades no mundo do camión, con firmas coma Iveco ou Volvo. Asemade, como novidade este ano, tamén se incluíu unha exposición de postos de antigüidades que ateigou a avenida da Coruña de moedas antigas, cerámica e obxectos do máis variopintos, coma cámaras fotográficas, máquinas de coser ou elementos decorativos de todos os tipos e épocas. Todo isto grazas ao traballo da concellería de Promoción Económica, Hostalería e Comercio. Por suposto, como ven sendo habitual, tamén ao longo do día tamén houbo tempo para recordar a aqueles que xa non están mediante unha misa que tivo lugar na Praza de América. Non podía faltar a música coa actuación da orquestra Panamá e, por suposto, outro dos momentos clásicos desta festa: un xantar popular no que se deron cita preto de 300 comensais. Como non podía ser doutro xeito, tamén o alcalde de As Pontes, Valentín González Formoso, se sumou a esta festa e visitou as diferentes actividades programadas. Xunto a él a edil de Promoción Industrial, Montserrat García, e o concelleiro de Xuventude, Jesús Tembrás, que tomaron parte no xantar popular que tivo como escenario o patio do colexio Santa María e no que tamén houbo tempo para facer entrega dun obsequio a varios camioneiros, que este ano xa abandoan a profesión. Pola tarde, novamente houbo unha segunda roita turística aínda que, desta vez, os grandes pesos pesados da estrada deixaron o seu sitio aos coches clásicos que percorreron tanto as rúas máis céntricas do pobo coma o entorno do lago. Para pechar a noite nada mellor que desfrutar novamente coa música nunha verbena que fixo as delicias de todos aqueles e aquelas que se animaron a pasar a xornada do sábado en As Pontes. E xa o domingo aínda podíamos desfrutar dos diferentes vehículos novos e antigos que estiveron estacionados nas avenidas e rúas máis céntricas do casco urbano e do segundo día da mostra de antigüidades que, de seguro que, máis dun e dunha se animou a visitar. En resumo, dous días de diversión a esgalla, de festa e de homenaxe continúa a un sector que mantén ducias de postos de traballo na nosa vila e que, sen dúbida algunha, continúa a ser un dos sectores básicos da economía local.

No hay comentarios:

Publicar un comentario