miércoles, 18 de junio de 2014

A Aula Cemit retomou esta semana a súa actividade con dous novos cursos

A edil de Persoal e Radio Televisión, Jessica Lago, presidiu onte a reapertura da aula informática Cemit, da Casa Dopeso e que retoma a súa actividade co obxectivo de ofertar cursos e actividades formativas dirixidas a eliminar a fenda dixital e barreiras tecnolóxicas, potenciando o coñecemento das tecnoloxías da información. Foi no transcurso da segunda sesión do obradoiro de creación de páxinas web, que arrincaba o pasado luns e no que están a participar unha vintena de alumnos e alumnas en sesións de tres horas diarias e que se desenvolverán ata o xoves da vindeira semana. A concelleira aproveitou a súa visita a estas dependencias para dar a benvida a todos os alumnos e alumnas que están a tomar parte nesta actividade e tamén para poñer a desposición dos mesmos todos os servizos dos que dispón tanto o concello de As Pontes en xeral, coma o que dirixe a propia Jéssica Lago, en particular. Tamén o pasado luns, pero xa en horario de tarde, arrincaba unha segunda actividade formativa: un curso de follas de cálculo para nivel avanzado e no que tamén se logrou un alto grao de participación. Este segundo curso, que conta con 30 horas de contidos prácticos, tamén se desenvolverá ata o xoves da vindeira semana. Asemade, dende o luns e ata este mesmo venres, xa se atopa tamén aberto o prazo de matrícula en dúas novas iniciativas vencelladas coa Aula Cemit e que tamén ten previsto desenvolver a concellería de Persoal. Neste caso, trátase dun curso de marketing comercial e un segundo de comunity manager. Ámbolos dous cursos contarán con 14 horas de duración e desenvolveranse en horario de mañá nas propias dependencias da aula cemit, de 9.00 a 11.00 o primeiro obradoiro e xa de 11.30 a 13.30 o segundo. Para poder inscribirse en calquera destes dous cursos gratuíto será necesario estar empadroado no concello de As Pontes e anotarse no servizo de Orientación Laboral do concello de As Pontes, ubicado no segundo andar da Casa Consistorial.

No hay comentarios:

Publicar un comentario