martes, 3 de junio de 2014

A Casa Dopeso acollerá, este sábado, a presentación en rolda de prensa do Northwest Triman 2014 que terá lugar o vindeiro 15 de xuño

Conta atrás xa para a celebración na nosa vila da que será a primeira proba de Ironman de Galicia; unha cita que ateigará As Pontes, na fin de semana do 14 e 15 de xuño, de deportistas de alto nivel con valor suficiente para facer fronte a unha cita tan só apta para superhomes e supermulleres. E é que a esixencia de case catro quilómetros a nado, 43 quilómetros en carreira a pé e 180 quilómetros en bicicleta é apta tan só para uns poucos. As Pontes será escenario desta proba coa que colabora o concello, mediante o departamento municipal de Deportes, e que se presentará ante os medios de comunicación, este mesmo sábado día 7, nunha rolda de prensa na que ademáis do alcalde de As Pontes, Valentín González Formoso; contarase coa presenza de membros da Federación Galega de Triatlón e das agrupacións Galiorient e Nosportlimit, organizadores da proba. Ás 19.30 horas está previsto que o salón de actos da Casa Dopeso albergue esta importante presentación na que se darán a coñecer os entresixos dunha proba na que, tamén se porán en xogo os títulos autonómicos de longa distancia. Ata o día de hoxe, máis de 400 atletas vidos non só de Galicia senón tamén doutros puntos do país están inscritos para participar nunha proba para aqueles con maior resistencia ante tal reto e que darán conta ante os ponteses e pontesas do seu esforzo, entrega e superación nunha cita deportiva única. Para os veciños a afectación será tamén sobre a circulación, pois durante a mañá e ata as 18.00 horas haberá accesos cortados e outros regulados. Ademais o día 15 é día de feira, polo que se espera unha maior afluencia de vehículos que terán que adaptarse ás limitacións da mañá para permitir o paso seguro dos atletas polas zonas que empregan do casco urbano. Todos aqueles que queiran entrar ou saír de As Pontes deberán facelo polos Airíos, onde o tráfico estará regulado, cortándose durante o paso dos competidores. Na entrada dende Ortigueira, o paso debe ser obrigatoriamente polas Campeiras, atravesando o caso urbán. A circunvalación estará pechada xa dende A Casilla. Entramentres na Vilavella só se permitirá o paso controlado e supervisado por Policía e Protección Civil para os que accedan a traballar a Endesa. E xa por último, no cruce onde estaba o antigo tanatorio habilitarase un carril para os veciños que vaian cara ó Chamoselo, pero igualmente regulado e suxeito ás indicacións dos encargados de regular o tráfico nesa zona.

No hay comentarios:

Publicar un comentario