martes, 17 de junio de 2014

AS PONTES FAILLE UN SITIO DE HONRA Ó IRONMAN NA COMUNIDADE GALEGA.

José Manuel Vieito Vilacoba, máis coñecido no ámbito deportivo como Patxín, é o santiagués que inscribíu o seu nome na historia como primeiro vencedor dun ironman en Galicia. O atleta do Arcade Inforhouse, e que se convertíu así no primeiro campión galego de triatlón na grande distancia, finalizou a esixente proba en 09h-28-02 case un cuarto de hora antes que o segundo, Fernando Luiña. O lucense era un dos favoritos, ó ser un dos máis expertos e cunha marca acreditada de 9´15. Debemos salientar que nesta proba houbo moito debutante, pois malia ser espectacularmente dura, para estes homes de ferro era un trazado asequible. A boa temperatura do lago para a natación e a nula oleaxe contrasta coa habitual dureza das augas xélidas deste tipo de probas en mar; o ciclismo tivo un percorrido por terreo sempre chan, case sen costas; e o maratón foi pola entulleira e a contorna do lago, sobre terra case todo, o que se agradeceu ó poder evitar a dureza do asfalto. O terceiro caixón dun podio que só recolle ós tres que entraron primeiro, pois aquí o mérito é competir e o éxito ser finisher, ocupouno Álvaro Gómez Cardasín, que fora o primeiro líder da proba, logo de sair en cabeza da auga. Entre as mulleres, nove foron finalmente as heroínas, non houbo lugar á solpresa e gañou a portuguesa Susana Simoes, que acabou en 12 horas, 14 minutos e 31 segundos. Finalmente foron 364 os corredores e corredoras que tomaron a liña de saída, e malia que o vento foi o principal inimigo, sobre todo na proba de ciclismo,e as temperaturas tamén foron moi altas, os abandoos non foron numerosos. Entre as mulleres acabaron todas menos unha e entre os homes 20 foron os que non finalizaron, xunto con outros catro que foron descalificados. Este primeiro ironman de As Pontes, que foi un éxito rotundo en nivel, participación, seguemento e organización, vai ter continuidade logo da xornada histórica que nos deparou e que reclama continuidade. A proba estivo organizada conxuntamente polo Concello pontés, o equipo coruñés NoSportLimit e a empresa local Galiorent.

No hay comentarios:

Publicar un comentario