miércoles, 18 de junio de 2014

O Concello de As Pontes destina 25.000 euros ás axudas municipais para material escolarización

O departamento municipal de Servizos Sociais, dirixido polo socialista José Alén, incrementou nun 800% as axudas destinadas a esta fin, dende a súa chegada en 2007 a esta concellería O Concello de As Pontes destinará 25.000 euros ás axudas para a compra de libros e material escolar. Ata o vindeiro 18 de Xullo estará aberto o prazo de presentación de solicitudes para acollerse a este programa convocado pola Concellería de Servizos Sociais. Son axudas destinadas a atender os gastos orixinados polo comezo do curso escolar, entendendo por tales a merca de material escolar e de libros de texto. Deste modo, o Concello de As Pontes amosa, unha vez máis, o seu compromiso cos que menos teñen. De feito nesta anualidade increméntase nun 25% a partida destinada ás axudas ás familias para a escolarización dos seus fillos e filllas para o curso académico 2.014-2.015. Así, pasamos dos 20.000 euros da anualidade anterior aos 25.000 euros actuais. Cifras que medran notoriamente se botamos a vista atrais e nos remontamos ao ano 2.007. Daquela as axudas do Concello de As Pontes para a compra de libros de texto e material escolar era unicamente de 3.000 euros, un 800% menos que para este curso. A contía das axudas varía dependendo do nivel dos estudos. Así para educación infantil de 0 a 3 anos, a axuda poderá alcanzar os 50 euros. Para educación infantil de 3 a 6 anos a contía elévase ata 120 euros. Para educación primaria e secundaria concederanse ata 80 euros para a compra do material escolar. Os ciclos formativos subvencionaranse con ata 140 euros, e 150 o Bacharelato. Asemade, contémplase a posibilidade de financiar o custo total do curso escolar sempre cando as circunstancias económicas e sociofamiliares o xustifiquen, previo informe dos servizos sociais. Estas axudas son compatibles coas que concede tanto o Ministerio de Educación como a Consellería de Educación, para as que aínda está aberto o prazo de presentación de solicitudes. Para o cálculo dos ingresos da unidade familiar téñense en conta o número de compoñentes, así como os gastos de aluguer ou hipoteca da vivenda. Para coñecer as cantidades resultantes a fórmula empregada é restarlle os gastos de aluguer ou hipoteca aos ingresos brutos e dividir entre o número de membros. Para ser beneficiario destas axudas que convoca o Concello de As Pontes hai que estar empadroado no termo municipal das Pontes e cursar educación infantil, primaria, secundaria, bacharelato ou ciclos formativos de grao medio ou superior. Os ingresos anuais da unidade familiar non deben exceder os 400 euros mensuais de renda per cápita, e ademais tomaranse en consideración outros factores como a idade, ordandade, desemprego ou incapacidade recoñecida do cabeza de familia, ter a condición de familias numerosa ou familias cuxo sustentador principal sexa viúvo, solteiro, divoricado, ou sepeardo legalmente ou de feito e outros condicionantes psicosociais. Para solicitar a axuda é necesario presentar unha instancia no impreso oficial que se facilitará gratuitamente no Departamento de Servizos Sociais do Concello, na oficina do Rexistro municipal ou na páxina web. Asemade axuntarase fotocopia do DNI de todos os membros da unidade familiar, certificación de convivencia do padrón municipal, fotocopia do título de familiar numerosa se fose o caso; fotocopia dos recibos de aluguer ou hipoteca de vivenda habitual, se fose o caso; certificado de solicitude de praza ou fotocopia da matrícula do centro onde o alumnado realice os seus esduos, no caso dos estudos non obrigatorios. Ademais tamén se ten que presentar fotocopia da declaración da renda, de toda a unidade familiar e de non estar obrigado a presentala, deberá achegar unha declaración xurada na que conste esta circunstancia. O prazo de presentación das solicitudes finalizará o 18 de Xullo de 2.014. Pero o alumnado que realice a matrícula en Setembro para cursar Bacharelato e Ciclos formativos, terá de prazo dende o 10 ata o 16 de Setembro para presentar a documentación.

No hay comentarios:

Publicar un comentario