martes, 24 de junio de 2014

OS ESCOLARES PONTESES DAN A BENVIDA ÁS VACACIÓNS DO VERÁN COA TRADICIONAL FESTA DE FIN DE CURSO

As treboadas da fin de semana non deron tregua, nin tan siquera, á Festa Infantil de fin de curso. O Concello de As Pontes, a través da súa Concellería de Educación, e a coordenadora de ANPAS Abrente tiñan previsto para este sábado despedir, cunha grande festa, o curso académico 2013-2014. E así foi. Na Canle IV colocáronse ata cinco atraccións mecánicas, os coches eléctricos, para grandes e pequenos, o saltamontes, Tunelandia, e os touros mecánicos, atraccións que foron gratuítas para todos os pequenos e pequenas que se achegaron tanto na tarde do sábado como na mañá do domingo ata as inmediacións do Heliporto. O sábado pola tarde, entre as cinco e as nove do serán, foron moitos os nenos e nenas acompañados polas súas familias os que non dubidaron en desafíar á chuvia para non perderse unha festa ideada con especial agarimo para eles. O Concello foi o patrocinador principal deste festexo que ademais das atraccións mecánicas, que sempre gustan aos máis pequenos da casa, contou tamén con música, obradoiros de pintura de caras para os nenos e nenas e tatuaxes para os mozos, ademais de seis inchables que fixeron as ledicias de todos os participantes. A aposta musical non puido ser máis acertada, o Dúo Suso e as monitoras da empresa de ocio infantil Picariños bailaron e cantaron as cancións que están de moda, e tamén melodías infantís que nos acompañaron na nosa infancia e que agora volven rexurdir con forza. Houbo momentos que, como consecuencia do mal tempo, das fortes treboadas a Festa tivo que suspenderse e por iso, dende o Concello decidiron prolongar á mañá do domingo o desfrute das atraccións, os coches eléctricos, os touros mecánicos e tamén a atracción denominada Tunelandia. Ao longo da fin de semana, e entre tanto asistente miúdo, puidemos ver ao alcalde Valentín González Formoso, o concelleiro de Educación, José Alén, a edil de Cultura, Sara Ramos, o presidente de Abrente, José Dasilva, e outros compoñentes da xunta directiva da coordenadora, así como representantes das distintas ANPAS da vila. Unha proposta novidosa, totalmente distinta ás anteriores Festas de Fin de curso, que cumpriu coas expectativas dos estudantes, e coa que o Concello de As Pontes e a coordenadora de ANPAS Abrente poñen punto e final ao actual ano académico.

No hay comentarios:

Publicar un comentario