jueves, 24 de julio de 2014

Herdeiros da Crus e a orquestra Cinema grandes protagonistas dunha nova edición da Festa da Fraga

A noite do 24 de xullo de seguro que será memorable pero o que moitos agardan ao longo de todo o ano é a xornada do 25 de xullo, o día de Galicia que centos de romeiros celebrarán en As Pontes da man da música, unha boa mesa e a compaña de amigos e familiares. E é que a romaría da Fraga celebra o seu 110 aniversario en moi bo estado de saúde e, de seguro, cun novo éxito de convocatoria ás súas costas. De feito, o programa da xornada é do máis atractivo para non pasar nin un só minuto de aburrimento. Non faltará a música de todos os estilos, a mítica sesión vermú e ata celebracións litúrxicas. Así, á 1 da tarde terá lugar a misa de Santiago Apóstolo, na Capela do Carme, para continuar ás 13.30 horas coa tradicional sesión vermú que, por terceiro ano consecutivo, amenizará a formación Cinema. De seguro, que tras tanto baile e diversión, toca probar as augas do Eume, denantes de sentarse á mesa a desfrutar dun bo xantar cos amigos e coa familia. E tras un pequeno descanso, a música volverá tomar a fraga de dona rita co son dos tambores de Borumbaia Percusión. Pero o prato forte da xornada terémolo dende as 20.30 horas cun macroconcerto no que tres formacións compartirán escenario ata ben entrada a madrugada. Un cartel de luxo no que se contará con Herdeiros da Crus como líderes absolutos. A Banda da Balbina, unha formación que xa estivo nas Pontes hai uns anos, será a encargada de abrir esta segunda noite de concertos. Xa ás 22.00 Tuchiño, Fran, Jarfuxo e Toñito de Poi, os míticos Herdeiros da Crus subiranse ao escenario da fraga para dar conta dos seus grandes éxitos e que están a levar polas salas de concertos de toda Galicia, cun gran éxito de público en cada unha das súas actuacións. De feito, ésta será a única ocasión que teremos para desfrutar de grandes éxitos como Qué jallo é ou algúns temas do seu último traballo Jard Rock con Fé. Xa ás 00.00 tocará facer un descanso e é que a orquestra Cinema ofrecerá o seu primeiro pase musical da noite ao que, xa á 1.30, seguirá o derradeiro dos tres concertos da xornada: o que protagonizarán os feneses Dakídarría. Como colofón a unha noite tan longa, a orquestra cinema pechará o día co seu segundo pase musical e que está programado para as 03.00 da madrugada. En resumo, unha maratoniana xornada de música e festa, non apta para calquera corpor desadestrado.

No hay comentarios:

Publicar un comentario