jueves, 24 de julio de 2014

Unha nova edición do Festival Folk abrirá a 110 edición da Festa da Fraga

Conta atrás para a que será unha nova edición do festival folk da Fraga, unha cita que ano tras ano gaña en adeptos e en calidade musical e que se caracteriza, en cada edición, por contar con algúns dos mellores grupos do panorama nacional e internacional dentro deste xénero. O recinto da fraga de dona rita ateigarase de público e de romeiros que, esta mesma noite, dende as 22.30, poderán desfrutar de ata catro grandes formacións e por riba con moita presenza pontesa, xa que a metade do cartel, tal e como apuntaba a edil de Cultura, Sara Ramos, é unha aposta pola música local. E é que non podían faltar os míticos Muxarega e con eles tamén se subirá ao escenario pero desta vez xa en solitario o acordeonista Andrés Penabad. Pero para abrir o festival nada mellor que todos uns grandes artistas neste eido e é que, por primeira vez estarán en as pontes Balakandra, unha formación que nacía en 2004 ao abeiro do mítico grupo Saraibas, de San Sadurniño, e dalgúns dos seus integrantes interesados en crear outro tipo de música e pezas á marxe da tradición. Balakandra nos ofrecerá mañá á noite unha viaxe polas músicas de todo o planeta, mesturando o country, o blues e os sons típicos de Cuba e Brasil, con ritmos máis europeos. Andrés Penabad será o segundo en subirse ao escenario da Fraga de Dona Rita, desta vez sen a escolta de Muxarega pero co seu primeiro traballo Crossing, baixo o brazo. Temas movidos coma o que da título ao seu primeiro disco xunto con pezas cantadas integrarán o repertorio deste artista local. O punto internacional virá da man dos escoceses Skerryvore, unha formación nada en 2005na costa oeste escocesa que con tres traballos discográficos ás costas e un cuarto a piques de saír ao mercado, en setembro, son todo un referente da música norteña, con mesturas do tradicional, o rock e o jazz que, de seguro, serán todo un descubrimento para o público pontés. Asemade, de seguro que a banda formada por Alec, Martin, Craig, Daniel, Freser, Alan e Jodie darán a coñecer tamén algúns dos temas que forman parte do seu cuarto disco: Chasing the sun que verá a luz oficialmente o vindeiro mes de setembro. E como broche de ouro os sempre necesarios para a Fraga Muxarega. Os ponteses, con Miguel Ferreiro á fronte e a gran voz de Sabela Ramil, serán os encargados de pechar a festa desta noite cun novo concerto ante o seu público máis fidel: os romeiros e romeiras da Fraga. Temas clásicos da cultura tradicional galega xunto con pezas de composición propia e algunha que outra canción xa do máis tarareada coma 8 soños ou Eu ei dir aló, non han faltar na actuación coa que Miguel, Sabela, Luis, Carolina, Ana, Roberto e Iago faran bailar ao seu público, ata ben entrada a madrugada. Coma sempre, todos estes concertos que terán lugar baixo as estrelas da noite da fraga serán de acceso totalmente libre e o único requisito é querer pasar unha gran noite de festa.

No hay comentarios:

Publicar un comentario