martes, 19 de agosto de 2014

Medio cento de parellas déronse cita no II Open de Volei Praia de As Pontes, puntuable para o Circuíto do Barbanza desta modalidade

Máis dun cento de xogadores e xogadoras visitaron, esta pasada ponte, a nosa vila coa fin de tomar parte na segunda edición do Open de Volei Praia de As Pontes, a segunda das probas puntuables para o Circuíto de Barbanza de Volei Praia e que aterraba xa o pasado verán na nosa vila da man do departamento municipal de Xuventude. Durante dous días, 51 parellas e 102 xogadores tomaron parte na competición tanto senior coma infantil dando lugar a dúas xornadas que xeraron un gran atractivo turístico, o que fixo que moitos veciños e visitantes de concellos tanto da contorna coma máis alonxados decidisen desfrutar deste festivo de agosto en terras pontesas. Na xornada do venres tiveron lugar os primeiros encontros para as categorías dos máis novos, con competición tanto masculina coma feminina para menores de 17 anos. Un total de 18 parellas tomaron parte nesta competición infantil que se adxudicaban, tanto en categoría masculina coma feminina, dúas parellas do Barraña Volei Praia. Así a victoria na categoría infantil masculina foi para Rubén Martínez e Dani Oliveira e xa na feminina a victoria era para Lea Gatbache e Emma Ordóñez, ésta última gran xogadora a nivel nacional e integrante do combinado nacional de volei en pista. Segundos na categoría masculina infantil foron Darío Outeiral e Christofer Rodríguez, tamén do Barraña Volei Praia, namentras que Alejandra Moledo e Paula Lorenzo, tamén do clube Barraña Volei Praia, facíanse co segundo lugar no pódium feminino infantil. Xa para o sábado se deixaba o máis atractivo da competición coas eliminatorias en categoría senior e nas que tivemos un total de 33 parellas con xogadores de gran nivel nacional. De feito, non houbo sorpresas e Abel Bernal e Fernando Román, integrantes do circuito máis importante de volei Praia do país; o Madison Beach Voley Tour, adxudicábanse a victoria neste torneo ao impoñerse, en dous sets e sen moitas complicacións a Pablo Parga e Hernán Tovar, do Volei Praia Vigo. Terceira foi a parella formada por Cristóbal Álvarez e Diego Pérez do Volei Praia de Vigo. No tocante á categoría absoluta feminina, a victoria tamén en dous sets foi para a parella do Barraña Volei Praia integrada por Rebeca González e María Triñanes que derrotaron a Nuria Bouza e Luci Paz, do Volei Praia Lugo e Volei Praia Vigo, respectivamente. O bronce gañábano Rebeca Hernández e Ania González do Volei Praia Vigo, trofeos que foron entregados na tardiña do sábado por parte do edil de Xuventude, Jesús Tembrás, responsable do departamento municipal que un ano máis trouxo esta interesante e atractiva competición a terras pontesas, e máis nunha fin de semana na que a proba de As Pontes coincidía coa celebración da última das probas do Circuíto Galego de Volei Praia de Redondela e onde se inscribiron 14 parellas na categoría absoluta, 19 combinados menos que os que nesta pasada fin de semana se daban cita en As Pontes o que volve demostrar, un ano máis, que esta proba gaña en adeptos e xiareiros e que xa está máis que afianzada no verán pontés.

No hay comentarios:

Publicar un comentario