martes, 19 de agosto de 2014

Nacho Campos e Gonzalo Martínez adxudícanse, no lago de As Pontes, a Copa de España de Vela Vaurien

A tripulación do Flota Vaurien Galicia e Clube Náutico Canido formada por Nacho Campos e Gonzalo Martínez adxudicouse a Copa de España de Vela en categoría Vaurien, competición que, durante esta pasada ponte, ateigou de regatistas e xiareiros deste deporte as dependencias do lago de As Pontes. A cita, organizada polo Clube de Vela Fluvial de As Pontes, arrincaba na xornada do venres cunhas boas condicións meteorolóxicas que permitiron a desputa da proba na que se deron cita unha trintena de embarcacións procedentes de toda Galicia, Extremadura, País Vasco, Castela e León e ata do veciño país de Portugal e, por suposto, non podía faltar a presenza pontesa con ata cinco barcos en representación do clube organizador e incluso das actuais campionas do mundo en categoría feminina: as viguesas Helena Pérez e Alejandra Suárez que, malia non competir xuntas, sí que ocuparon un lugar no pódium en cadansúa categoría. O sábado e mailo domingo tamén estaba prevista a desputa doutras dúas xornadas con outras tres mangas por día pero, malia que o sábado os ventos sí acompañaron e permitiron que os regatistas demostrasen a súa pericia nestes barcos de vela lixeira, na xornada do domingo non foi posible dar a saída de ningunha das tres mangas programadas pola falla dunhas condicións mínimas de vento para o desenvolvemento da proba, polo que, contra das catro da tarde as diferentes tripulacións emprenderon camiño de regreso ao areal pontés sen poder competir. Así as cousas, cos resultados obtidos durante as xornadas do venres e máis do sábado, ademáis de Nacho Campos e Gonzalo Martínez, tamén se subiron ao pódium a parella formada por Alejandra Súarez e Andrés Vieites do Clube Náutico de Vigo, que se fixeron co segundo lugar na categoría absoluta; e Pablo Cabello e Javier Lago, tamén do Náutico de Vigo e que remataban no terceiro posto na xeneral. No tocante á competición feminina, o trunfo foi para as regatistas Irene Bastón e Helena Pérez do Clube Náutico de Vigo, seguidas de Natalia Barros e Paloma Fole, do Royal Club de Combarro, e de Silvia Chamoso e Rosalía Paredes, do Marítimo de Rodeira. O título xuvenil foi para a embarcación tripulada por Alberto Viejo e Miguel Gómez, do Náutico de Vigo; segundas foron Paula González e Miriam González do Náutico de Vigo e pechaban o podium Natalia Barros e Paloma Fole, do Royal Club de Combarro. En canto á representación pontesa, os mellores clasificados foron Roi García e Chucho Suárez que remataron oitavos; Miguel Ferreiro e Luis Pita remataban no posto 21 da clasificación; José Guerreiro e Manuel Suárez eran 25º, Ana Dopico e Jacqueline Cruz 26ªs e Marta Vilasuso e Manuel Bermúdez pechaban a clasificación no 28º lugar. A entrega de trofeos estivo presidida polo alcalde de As Pontes, Valentín González Formoso, e tamén se contou coa presenza do presidente da Federación Galega de Vela, Manuel Villaverde; e de Vaurien España, Ángel Puente.

No hay comentarios:

Publicar un comentario