martes, 9 de septiembre de 2014

A Aula Cemit regresa á actividade a vindeira semana con dous novos cursos gratuítos

O Concello de As Pontes, mediante a aula de informática Cemit, está a organizar para a vindeira semana dúas novas actividades formativas dirixidas a toda a veciñanza. De feito, durante esta segunda quincena do mes de setembro será posible que todos aqueles que non teñan coñecemento algún sobre internet ou os que aínda non tivesen a oportunidade de manexar un ordenador tomen parte nestas clases que, unha vez máis, serán totalmente gratuítas. A volta á operatividade da aula Cemit realizarase o mércores da vindeira semana, día 17, xornada na que arrincará un curso de 30 horas de duración dirixido a aprender a navegar pola rede. Serán dez días de clases prácticas, de luns a venres, en horario de 16.00 a 19.00 horas, abertas a toda a cidadanía pontesa. O prazo de inscrición permanecerá aberto ata este mesmo venres día 12, sendo necesario achegarse ata a área de Emprego, ubicada no segundo andar da Casa do Concello en horario de 8.00 a 14.00 horas. Tamén ata este mesmo venres será posible inscribirse nun segundo curso gratuíto dirixido a aprender nocións básicas de informática. Serán outras 30 horas de duración para un curso que se desenvolverá de luns a venres en horario de 9.30 a 13.30 horas, na aula Cemit da Casa Dopeso, e se desenvolverá entre os días 22 e 30 deste mesmo mes de setembro. Os requisitos para este segundo obradoiro serán semellantes ao de navegación por internet xa que será preciso achegarse ata a Oficina da concellería de Emprego, no segundo andar da Casa do Concello, en horario de mañá e alí tramitar a pertinente matrícula gratuíta.

No hay comentarios:

Publicar un comentario