domingo, 28 de septiembre de 2014

A parroquia de Goente acollerá, en dúas semanas, unha nova edición da Feira do Queixo e Mel da comarca e as XV Xornadas Apícolas

A parroquia de Goente xa se está a preparar para a celebración, por sexto ano consecutivo, da Feira do Queixo e Mel da parroquia. Unha cita que, edición tras edición, logra congregar a un numeroso público e visitantes desexoso de coñecer dous productos tan saborosos e artesanais coma o queixo e o mel da nosa comarca. O vindeiro 12 de outubro terá lugar esta cita gastronómica na que o Concello de As Pontes, a Casa do Mel de Goente, Queixerías do Eume e os colectivos veciñais Raíces e Virxe do Rosario de Goente e da Faeira volven aunar esforzos para facer desta xornada un día de gran atractivo turístico, no que non só veciños do casco urbano ou doutras parroquias se animen a participar, senón tamén visitantes doutros concellos da contorna. Como novidade este ano, non haberá o tradicional xantar popular pero sí que se habilitarán postos de churrasco e polbo para aqueles que desexen achegarse ata Goente e xantar alí. Asemade, non faltarán os postos con produtos apícolas, queixos, productos de artesanía ou doces que, dende as 11.00, abrirán as súas portas na explanada a carón da igrexa de Goente. Asemade, haberá unha mostra de vehículos e motos antigas, unha merenda a base de freixós e queixo, xogos tradiconais e actividades para nenos, actuacións musicais e ata unha verbena para pechar a xornada. Pero tamén ao abeiro desta festa gastronómica, a Casa do Mel de Goente está xa a ultimar os detalles da que será a XV edición das Xornadas Apícolas e que organiza xunto a Asociación Galega de Apicultura e o propio Concello de As Pontes. Así, entre os días 6 e 12 do vindeiro mes, a Casa do Mel de Goente volverá ser o escenario perfecto para charlas formativas sobre o mundo da apicultura, xornadas para escolares dirixidas a fomentar os seus coñecementos sobre o mel e as abellas e, por suposto, para dúas novas edicións dos concursos de receitas con queixo e mel e a sétima edición do Certame de Cata de Meles. Os escolares serán os primeiros en tomar parte nestas xornadas apícolas e é que estudantes de todos os centros educativos ponteses de educación infantil e primaria asistirán os días 6 e 7 do vindeiro mes a unha excursión pola Casa do Mel de Goente. Alí coñecerán os entresixos do mundo das abellas, como se produce a extracción e envasado do mel, poderán desfrutar da exposición apícola da Casa do Mel, degustar os seus productos e, por suposto, un ano máis aprender a facer candeas con cera de abellas. Xa para os días 9 e 10, durante a tarde, levarase a cabo a cata das diferentes variedades de mel claro e escuro que, durante estes días se presentaron á sétima edición do certame de cata de meles e para o día 11 a actividade tornarase totalmente formativa, coa celebración de diferentes charlas dende as 10.00 horas, adicadas ás aplicacións da apitoxina, o etiquetado e publicidade dos productos apícolas e á incurso da vespa velutina en España. Ese mesmo día 11, pero en xornada de tarde, dende as 18.30 horas, terá lugar a cata das receitas doces e salgadas que, este ano, participarán no concurso gastronómico dirixido a escoller o mellor prato salgado e o mellor postre elaborado con queixo e mel da comarca; un certame para o que se poden presentar candidaturas ata o vindeiro 9 de outubro. Xa coma broche de ouro destas xornadas, para o 12 de outubro teremos a sesta edición da Feira do Queixo e do Mel da Comarca.

No hay comentarios:

Publicar un comentario