lunes, 29 de septiembre de 2014

A VII edición do Día da Bicicleta volve congregar a centos de veciños e veciñas de todas as idades polas rúas de As Pontes

Centos de ponteses e pontesas de todas as idades volvían onte sacar á rúa as súas bicicletas para tomar parte na sétima edición do día da bici e que, un ano máis, organizaba o Concello de As Pontes xunto cun coñecido grupo de comunicación. Veciños e veciñas de todas as idades e non só de as pontes senón tamén doutros concellos se daban cita diante da casa do concello para desfrutar desta entretida e saudable xornada na que ata o sol quixo participar, acompañando a todos estes pequenos e grandes deportistas nun percorrido duns oito quilómetros que arrincaba pasadas ás 11.40 horas pola Avenida de Ferrol en dirección á Avenida de Galicia para, despois afrontar a Avenida de Castelao e a de Monte Caxado, e na que puidemos ver dende ao propio alcalde de As Pontes, Valentín González Formoso, ata a edil de Turismo Ana Pena que non se quixeron tampouco perder esta xa sétima festa da bicicleta. A zona do circuíto de karts ou o barrio da Casilla tamén viron pasar esta serpe, este ano vermella, que tivo como primeiro punto de descanso o entorno do lago onde estes centos de ciclistas tiveron tempo para tomar un refrixerio en forma de barrita de cereais e unha botella de auga. Tocaba retomar percorrido, neste caso polo Poboado das Veigas, o Rego do Muíño e a Avenida de Galicia para poñer punto e final a este entretido paseo novamente diante da Casa do Concello onde tamén houbo presenza municipal cos edís José Alén e Carlos Castro que, para esta edición, decidiron deixar aparcadas as súas bicicletas. Tras novamente repoñer forzas chegaba outro dos momentos máis agardados da xornada e é que non podía faltar roita ciclista sen sorteo de agasallos. Así as cousas, para esta edición o concello doaba unha bicicleta que foi para Aloia Murado Ferreiro e diferentes lotes de libros. Como novidade tamén colaboraban o espazo infantil Picariños, a tenda de complementos Niza, a cafetería Tres Pontes, óptica Carmela e o salón de beleza Sixties con atractivos agasallos coma lentes de sol, bolsos, consumicións, vales de xogo ou sesións de beleza, agasallos que fixeron as delicias entre os afortunados. Asemade, un ano máis esta cita tamén contaba co respaldo de Valoriza, Matojoma, Galiorient ou Gadis, clubes locais coma Terras do Eume e Clube Ciclista Vilalba-As Pontes e servizos municipais coma Protección Civil e Policía Local que, unha vez máis, velaron pola seguridade dos participantes nesta proba que, edición tras edición, gaña en adeptos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario