miércoles, 10 de septiembre de 2014

Chema Arguedas e Bingen Fernández achegan a Volta Ciclista a España á nosa vila da man dunha charla para xiareiros desta modalidade deportiva

Malia que a volta ciclista a España non pasou este ano polo noso concello, nas últimas horas, sí que puidemos desfrutar do espírito desta competición. Así na tarde de onte, medio cento de xiareiros do cicloturismo, entre eles a tenente de Alcalde, Montserrat García, se deron cita na Casa Dopeso para escoitar a dous grandes expertos na materia e solventar con eles as súas dúbidas, e que chegaban a As Pontes da man do Clube Ciclista Vilalba - As Pontes e o propio cabildo pontés. Por un lado o director deportivo do equipo Garmin Sharp, Bingen Fernández, e por outro o experto en adestramento e nutrición Chema Arguedas, que deron conta aos presentes non só das claves para programar cada tempada dun ciclista profesional senón tamén de cómo debe prepararse un ciclista afeccionado para sacar o mellor de sí cada día. Todo isto baixo a batuta tamén dunha terceira faciana do máis coñecida no mundo deportivo, e é que ata As Pontes tamén se desprazaba o xornalista da TVG, Terio Carrera, que exerceu coma moderador desta charla. O encargado de romper o xeo foi o director deportivo de Garmin Sharp. Bingen Fernández explicou cómo se afronta unha nova tempada. O tamén ex ciclista profesional deu conta de como xa en xaneiro comezan as primeiras actividades en grupo para xerar un clima de equipo entre novos e antigos corredores e tamén das diferenzas de preparación física que precisa cada ciclista segundo o tipo de carreiras que ten previsto afrontar. E é que, segundo explicou Fernández non é igual o adestramento para aqueles que afrontan citas coma o Tour de Francia que o que deben realizar outro tipo de ciclistas que afrontan probas menos esixentes. O experto Chema Arguedas, amplo coñecedor desta disciplina e autor de libros tan seguidos coma Alimenta tus pedaladas e Planifica tus pedaladas apelou, na súa intervención, á necesidade de contar cunha boa base física á hora de realizar calquera disciplina deportiva. Arguedas tamén apuntaba ás diferenzas entre un deportista profesional e un afeccionado e é que, segundo explicaba o experto, a única diferencia á hora de adestrar de uns e outros é a base que un profesional xa ten e un cicloturista debe pulir. Por suposto, o público foi o principal protagonista coas súas preguntas e cuestións e nas que se abordaron dende os tipos de complementos alimenticios que deben tomar os ciclistas ao longo dunha carreira ata a importancia das probas de esforzo para coñecer se se padece calquer tipo de enfermidade. Asemade, tamén se abordaron temas tan interesantes coma a mellor idade para iniciar aos máis novos nesta disciplina deportiva ou o tipo de alimentación a inxerir nos días previos a unha competición. Por suposto, non faltaron os consellos e é que, a unha pregunta do público, Chema Arguedas aconsellaba aos cicloturistas a saír sós nos primeiros días para poder render ao máximo, á marxe de ideas coma gañar ao amigo de toda a vida. En resumo, unha serie de consellos e solucións a dúbidas do máis común para os xiareiros deste deporte e que se viron solventadas grazas a esta cita ciclista que axudou que, malia non pisar chan pontés, a mítica volta a España sí que fose protagonista dun día na nosa vila.

No hay comentarios:

Publicar un comentario