martes, 16 de septiembre de 2014

O Concello de As Pontes abrirá o venres o prazo para participar na VI edición do certame de tapas Saborea As Pontes

A concellería de Promoción Industrial, Hostalería e Comercio xunto co Instituto Pontés de Promoción Económica están xa mans á obra coa preparación da que será a sesta edición do certame de tapas Saborea As Pontes. Onte mesmo se mantiña o primeiro encontro cos hostaleiros locais coa fin de presentar as bases deste xa máis que consolidado certame gastronómico e que se desenvolverá dende a tarde do 10 de outubro e ata a noite do día 19 do mes que vén. Case unha vintena de propietarios de bares, cafeterías, mesóns e restaurantes ponteses acudían onte a este primeiro encontro na Casa Dopeso e no que a propia edil de Hostalería daba conta dos pequenos cambios que se incluirán no certame deste ano e que se presentará, nun principio, na mesma tarde do 10 de outubro. De feito, segundo explicou a concelleira Montserrat García, se está a traballar para traer a as pontes a un importante cociñeiro galego, galardoado cunha Estrela Michelín, para a presentación deste certame, o que permitiría se cabe darlle máis sona a este concurso gastronómico. A edil tamén deu conta dos premios que se repartirán este ano. Así as cousas, concederase un recoñecemento á Mellor Tapa Pontesa que será escollida polo xurado e outro á Tapa Pontesa Máis Popular, que se encargará de designar o público mediante os seus votos. Para este ano tamén cambia o premio para o público xa que os que cubran correctamente a cartilla, neste caso con oito selos doutros tantos establecementos diferentes, entrarán no sorteo dun televisor. Con respecto aos horarios de reparto de tapas, as mesmas deberanse servir entre as 12.00 e as 14.00 horas, e de 19.30 a 22.30, agás o primeiro venres de concurso no que tan só haberá tapas en horario de noite. Este ano tamén se cobrará un euro por tapa e está previsto que se reediten os libros coa información de cada local, unha fotografía da súa tapa e a pertinente explicación sobre a mesma. Asemade, ao igual que noutras edicións, cada local contará cun cartel identificador da súa participación que incluirá a fotografía da súa aposta gastronómica. O prazo de inscrición para sumarse a esta cita abrirase este mesmo venres sendo necesario que os que desexen participar neste certame se acheguen ata o Rexistro Xeral do Concello, cubran o pertinente formulario e alí tamén fagan entrega nun cd dunha fotografía da súa tapa coa fin de incluíla no libro que se editará con motivo deste certame. Como novidade, non se cobrará inscrición algunha aos participantes que terán ata o día 26 deste mes para anotarse. Asemade, durante este encontro tamén houbo locais, adicados a traballar a hostalería nocturna que suxeriron a posible inclusión durante este certame de tapas, dun segundo concurso adicado á coctelería e máis enfocado a revitalizar o mundo da noite. A proposición dos presentes, este certame se desenvolvería tan só durante as dúas fins de semanas do concurso de tapas e permitiría dar vida aos locais que traballan a hostalería nocturna. A proposta tivo moi boa acollida entre organización e sector hostaleiro e, de feito, xa se está a estudar. Con este motivo, dende o departamento que dirixe Montserrat García convócase para mañá mércores, ás 18.00 horas, no soto da Casa Dopeso, a todos aqueles propietarios de pubs, discotecas ou bares que traballen tamén o ocio nocturno a un encontro no que se abordará a posibilidade de incluír este certame de combinados no programa do Saborea As Pontes e, deste xeito, poñer en marcha unha actividade que permita impulsar este tipo de negocios.

No hay comentarios:

Publicar un comentario